Homenaxe a Xaquín Campo Freire

80 anos ganduxando vidas

Xaquín Campo

Xaquín Campo Freire, sacerdote da diócese de Mondoñedo-Ferrol, non é un cura ao uso. Ás súas costas hai toda unha vida de loita e traballo, pero sobre todo de amor e xenerosidade cara o próximo. Campo Freire participou na loita antifranquista e é un firme defensor do noso idioma. Os que o coñecen descríbeno como un home xeneroso, sinxelo e sempre ao servizo da comunidade.

Xaquín Campo axuda, escoita, aconsella e acompaña no seu día a día aos que o precisan. Nado en Narón en 1937, este sacerdote cumpría o pasado mes de maio os 80 anos. Dende o grupo Ganduxando Vidas queren renderlle homenaxe a toda unha vida adicada aos demais.

 

A celebración terá lugar este sábado día 10 de xuño en Piñeiros. O acto comezará ás 17:00 e pretende ser un xeito de devolver polo menos un pouco do que este crego ten feito pola comunidade.  A homenaxe comezará coa descuberta dun monólito, obra de Xosé Val Díaz, Valdi, acompañados con música de gaitas. Esta escultura situarase perto da Igrexa de Piñeiros, parroquia na que Xaquín desenvolveu gran parte do seu traballo como sacerdote. 

 

O acto continuará no Auditorio de Narón, ás 18:00, onde intervirán persoas das diferentes parroquias nas que traballou Xaquín, familiares e demais achegados. O encontro estará amenizado por músicos como Xoán Rubia, Manuel Doval ou a rondalla de Santa Uxía de Mandiá, parroquia actual de Xaquín Campo Freire. 

 

Será tamén este sábado cando saia á venta o libro Xaquín Campo Freire, ganduxando vidas. Ganduxar, coser, unir é xustamente o que fai Xaquín Campo, unir vidas e persoas en prol dunha realidade mellor, afirman dende o grupo organizador. Esta obra recompila unha entrevista realizada ao crego ademais de moitas aportacións da veciñanza, compañeiros e compañeiras de traballo, familiares e amigos e amigas. 

 

A idea desta homenaxe xurdiu cando o crego celebrou as súas vodas de ouro sacerdotais sen querer recibir ningún agasallo, explica a Sermos Neves Espiñeira, unha das organizadoras. As veciñas e veciños quixeron agradecer ao párroco o enorme labor realizado nas diferentes parroquias nas que traballou. Para aceptar esta homenaxe en vida, Campo Freire puxo tres condicións co obxectivo de que todos puidesen acudir: que fose comunitaria, que fose sinxela e non supuxese gastos e que fose civil.

 

Comunitaria para que fose unha celebración de todos e todas e non só súa, sinxela para non limitar a entrada a quen puidese pagala e civil, porque non quería que fose algo exclusivo para os crentes. En conclusión, unha celebración de e para todos e todas.