9 cousas a ter en conta para a saída das menores de 14 anos este domingo

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o vicepresidente Pablo Iglesias explicaron esta quinta feira os detalles desa saída. 

Os criterios anunciados hoxe para a saída das menores de 14 anos defiren nalgúns puntos das que desde o propio Goberno se apontaba estes días. As nenas e nenos levan no Estado español máis de 40 días de confinamento, a diferenza do que pasa noutros estados (Alemaña, Italia ou Francia), onde si podían facer pequenas saídas perto de casa. 

1) Quen pode saír? Todos os menores de 0 a 14 anos, que son por volta de 320.000 na Galiza. Agás que estean en corentena ou teñan febre ou algún síntoma compatíbel coa COVID-19, en cuxo caso terán que ficar na casa.

2) En que horario? A partir do domingo, e de 9:00 horas a 21:00 horas e só durante unha hora. Sanidade recomenda evitar as 'horas punta'.

3) Cantos adultos? Poderán ir até 3 menores como máximo cunha persoa adulta responsábel, que pode ser tamén as e os irmáns se son maiores de 18 anos

4) Até onde? Non deberán sobrepasar o radio dun quilómetro da súa vivenda.

5) Poden levar xoguetes? Poden, como unha pelota ou un patinete ou bicicleta. As menores de idade poden "correr, brincar e facer exercicio" sempre que se respecten as condicións da distancia social, sendo o "ideal" dous metros e o mínimo, un metro. Non poderán empregar espazos comúns como parques infantís.

6) Teñen que levar máscara? Non é obrigatorio mais si "recomendábel" que a leven.

7) Fóra das cidades, os campos e os bosques. O Goberno explicou que no caso de nenos e nenas “do rural,” poden saír aos campos ou bosques respectando a distancia con outras persoas. En todo momento, o adulto que os acompañe debe "controlalos".

8) E nas comunidades de veciños? O vicepresidente Pablo Iglesias sinalou que cada unha debe "establecer as súas propias normas" sobre o uso destas áreas por parte das menores de idade, mais en ningún caso, os nenos e nenas destas comunidades poderán partillar xoguetes ou usar instalacións da urbanización empregadas por outros nenos e nenas.

9) Nos próximos días, o Goberno publicará unha guía accesíbel con toda a información detallada.