En 8 de cada 10 fogares galegos non hai menores de 16 anos

Crianzas ás portas dun colexio. (Foto: Europa Press)

Nun de cada catro habitan só maiores de 65 anos.

Na Galiza hai algo máis dun millón de foagres, en concreto e para quen precise da exactitude, 1.061.680. En máis de 800.000 deles (814.716 exactamente), 76,7% do total, non reside ningún menor de 16 anos. E 91,74 %  deses máis de millón de fogares non contan con ningún menor de 5 anos.

Os dados para a preocupación continúan: 63,14% dos mozos e mozas galegas de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Dos que teñen entre 25 e 34 anos e que viven cos pais, 27,86% non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe ata 58,29% entre os mozos e mozas de 18 a 24 anos.

Deses 1.061.000 fogares, en 32% deles viven parellas con fillos mentres que case 22% corresponden a persoas que viven soas. No noso país hai máis de 241.000 moradas compostas por persoas de 65 ou máis anos (22,7%).

Máis de 3 décadas

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. A demógrafa do CSIC, Dolores Puga, lanzaba recentemente unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar senón é "pola vía da inmigración". 

Segundo apuntaba Puga, as estatísticas reflicten que Galiza se atopa nun "proceso de transición demográfica" cara á "sociedades máis lonxevas". Ora ben, de maneira acelerada por mor do éxodo masivo da poboación nova.

Segundo as proxeccións de poboación a curto prazo elaboradas polo INE, Galiza perderá 230.722 habitantes no período 2016-2031, o que supón unha diminución de 8,5%. Ademais da baixada no número de habitantes, as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación. Así, en Galiza, a porcentaxe de persoas de 65 ou máis anos será de 31,3% en 2031.

O índice de envellecemento proxectado para 2031 de Galiza sitúase en 232,7%, o que significa que para esa data por cada 100 menores de 20 anos haberá no noso país case 233 maiores de 64 anos (en 2016 o indicador proxectado situouse en 153,7%).

As zonas máis envellecidas serán as situadas na área sur da provincia de Ourense e nas comarcas ourensanas limítrofes coa provincia de Pontevedra.