75% das galegas recoñecen ter unha educación sexual "mala" ou "moi mala" segundo un estudo

O estudo foi realizado polo Observatorio de Saúde Feminina (Foto: Nós Diario).
Aínda que a maior parte de mulleres galegas (67,9%) di estar moi ou bastante informada sobre ITS, 32,14% de enquisadas sinala que sabe pouco ou nada acerca delas.

41,1% das mulleres na Galiza cualifica como "regular" e 33,9% como "moi mala" a súa educación sexual, segundo datos do Observatorio de Saúde Feminina, realizado a partir dunha enquisa entre 2.021 mulleres e persoas non binarias de todas o Estado.

En xuño de 2022, este observatorio revelara un aumento exponencial de infeccións de transmisión sexual (ITS) en mulleres no Estado español desde 2012. Por iso, Bloom, a plataforma dixital de saúde feminina que o impulsa, apostou por buscar as posíbeis causas, polo que saca agora á luz unha ampliación do estudo, centrado na análise da educación sexual.

Información sobre as ITS

Aínda que a maior parte de mulleres galegas (67,9%) di estar moi ou bastante informada sobre ITS, 32,14% de enquisadas sinala que sabe pouco ou nada acerca delas. Respecto diso, a Federación de Planificación Familiar SEDRA indica que os programas de educación sexual na Galiza son "escasos e baséanse en talleres de curta duración".

Non obstante, segundo apunta o informe, Galiza sitúase no primeiro posto do ránking de uso de anticonceptivos por comunidades autónomas, de forma que o 97,32% de enquisadas usa un método anticonceptivo nas súas relacións sexuais.

Percepción de riscos

A pesar da declarada falta de educación sexual adecuada, a maior parte das consultadas ten unha alta percepción do risco de contaxio con respecto ás prácticas sexuais sen protección. Así, unha media de 71,73% cre que o contaxio dunha ITS é moi probábel durante prácticas como a penetración sen preservativo, o sexo sen penetración sen preservativo e o sexo oral sen protección.

Por outra parte, os resultados do estudo mostran que a primeira vía a través da que as mulleres na Galiza reciben información sobre saúde sexual no caso das ITS é a escola (36,61%). As amizades constitúen a segunda vía de información máis sinalada (31,25%), seguida da internet (25,89%), mentres que os pais son para o 22,32% a súa primeira vía de coñecemento sobre ITS.