75 anos da primeira emisión en galego da BBC

Estudos da BBC. (Foto: BBC)

Unha xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) lembrarán a primeira emisión dunha programación radiofónica estábel en galego desde a BBC de Londres.

"Ás 23:45 horas do 14 de abril de 1947 comezaba a primeira programación radiofónica estable en galego, unha xanela aberta á difusión da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo desde a máis prestixiosa emisora do mundo, a BBC de Londres", así describe o Consello de Cultura Galega a primeira emisión radiofónica en galego, no Galician Programme.

Para lembrar este fito histórico, a CCG organizou unha xornada centrada na radifusión en galego, catalán e éuscaro na BBC, que decorrerá o vindeiro 21 de xuño no Pazo de Raxoi.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, salientou que “as emisións en lingua galega dende a BBC de Londres son un capítulo sobranceiro e moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita que significou a Guerra Civil española".

Programa da xornada

A xornada comezarán o 21 ás 10 horas. Ás 10.30 horas decorrerá a primeira palestra, moderada polo coordinador desta iniciativa, Xulio Ríos, titulada Radiodifusión exterior, franquismo e Guerra Fría. Participarán a cineasta Margarita Ledo Andión e o xornalista de Radio Nacional de España e historiador Luis Zaragoza Fernández.

A seguinte palestra terá lugar ás 12.30 horas, A BBC e as súas emisións exteriores, moderada por María Xosé Porteiro, e coa intervención do correspondente da BBC Guy Hedgecoe e a xornalista multimedia e analista de datos e estratexia en YouTube para o departamento de Desenvolvemento Dixital do Servizo Mundial da BBC Inma Gil Rosendo.

Xa na sesión de tarde, ás 16.30 horas, Tino Santiago moderará a palestra As emisións en catalán e éuscaro na BBC, na que participarán o doutor en Ciencias da Comunicación e director do programa “L’altra ràdio” de Radio Nacional de España Cinto Niqui Espinosa e a doutora en Historia Contemporánea e profesora titular da Universidad de Deusto Leyre Arrieta Alberdi.

Finalmente, ás 18.30 decorrerá a palestra As emisións en galego na BBC. Moderará a directora de Nós Diario, María Obelleiro, e intervirán o catedrático de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio Afonso Vazquez-Monxardín e o catedrático honorario de Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro.