Un 70% das mulleres en situación de prostitución son vítimas de trata sexual

En 2022, na Galiza, incoáronse 15 procedementos xudiciais por delitos de trata de persoas. (Foto: Nós Diario).
A Rede Galega contra a Trata Sexual organiza no Campus de Ourense unha xornada de debate centrada no novo marco lexislativo e nas limitacións que aínda cómpre mudar.

O procedemento de acreditación administrativa da condición de vítima de trata ou explotación supuxo, no verán de 2022, un cambio decisivo na lexislación que guía a intervención de especialistas e profesionais na loita contra a explotación sexual e a trata con fins de explotación sexual.

Porén, este marco xurídico-social renovado aínda ofrece limitacións e admite propostas de mellora que esta cuarta feira, 18 de outubro, abordarán no Campus de Ourense representantes dos corpos de seguridade do Estado, da avogacía e da acción social. 

Convidadas pola Rede Galega contra a Trata Sexual afondarán nas deficiencias da normativa e na necesidade de virar o foco do delito cara a vítima. "O proceso de acreditación administrativa da condición de vítima de trata ou explotación é unha mudanza moi interesante. Permite ás mulleres ser acreditadas como vítimas sen necesidade de que interpoñan denuncia ningunha", explica a Nós Diario Gemma Blanco, membro da Rede Galega contra a Trata Sexual.

Novo marco lexislativo

É un avance que non impide denunciar ao tempo que permite estabelecer de forma definitiva "un enfoque centrado na protección da vítima e no recoñecemento dos seus dereitos máis que na persecución do delito".

A acreditación administrativa que agora contempla a normativa estatal abre a porta ao recoñecemento dun amplo catálogo de dereitos humanos dos que agora mesmo se ven privadas moitas mulleres na Galiza. "Pero ten moitas limitacións".

As cifras oficias son ridículas comparadas coa realidade do fenómeno e a magnitude do delito

Cada territorio define a través do seu corpo lexislativo autonómico o que significa ser vítima de trata e as prestacións asociadas. Na Galiza, aclara Blanco, para poder acceder a moitas delas é preciso un NIE, "o que afasta todas as vítimas acreditadas nunha situación irregular dos dereitos que máis pé lle poden dar a un cambio de vida, como pode ser o acceso a formación, a un emprego, a unha independencia económica ou mesmo a unha prestación".

A Rede Galega contra a Trata reivindica que se protexan as mulleres dotándoas de dereitos e de alternativas reais para deixar atrás a prostitución e que esta "vaia desaparecendo". A solución non é un sistema sancionador ou punitivo, di a voceira da rede, senón a dispoñibilidade de alternativas reais para enriquecer as súas condicións de vida, "e para isto o máis importante é que poidan regular a súa condición administrativa e obter a cidadanía, algo que non se contempla".

Un delito transnacional

"A trata é un fenómeno dentro da prostitución, e ningunha muller sae indemne". É ademais, unha forma de escravitude, "pero como tal non está recollida no Código Penal", onde figura como delito. "É o abuso dunha situación de vulnerabilidade, que vén definida polo xénero –afecta sobre todo a mulleres e a nenas–, polas circunstancias socioeconómicas do seu país de orixe e polas circunstancias particulares da persoa".

Trátase dun delito transnacional perseguido pola Fiscalía de Estranxeiría, cuxas cifras oficias "son ridículas comparadas coa realidade do fenómeno e a magnitude do delito". Moi poucas mulleres denuncian. "Para elas é complexo iniciar un proceso que exixe preparación mental, superar moitos medos de cara a súa propia integridade e da súa familia e complexo tamén a nivel xurídico", conclúe Gemma Blanco.


Só 1 vítima de cada 20 figura nas estatísticas

A Rede Galega contra a Trata Sexual acolle desde o ano 2008 unha ducia de entidades especializadas que ofrecen unha atención integral ás vítimas: asesoramento social, xurídico, psicolóxico e, nalgúns casos, recursos de aloxamento. "Despois de tantos anos hai quen acode directamente a nós, pero a maioría das nosas intervencións son resultado dos achegamentos que facemos a pisos e clubs".

A rede non ten unha estimación das vítimas de trata na Galiza, "pero no que vai de ano só Médicos do Mundo atendeu 1.200 mulleres. Se esta cifra lle sumamos o traballo do resto de organizacións, podemos falar facilmente dunhas 5.000 mulleres en situación de prostitución, un 70% vítimas de trata ou explotación". Só 5% figuran nos rexistros oficiais que refiren os procedementos incoados por delitos de trata de seres humanos. Segundo as estatísticas da Fiscalía, 194 en toido o estado, 15 na Galiza.