SOCIAL

70% dos concellos da Galiza quedan libres de franxas horarias para paseos e deporte

Desconfinamento na Galiza (Carlos Castro/Europa Press).

Trátase de concellos de menos de 10.000 habitantes que teñen unha densidade poboacional inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. A Xunta facilita unha listaxe dos 219 municipios que agora teñen liberdade horaria.

En base aos novos criterios estabelecidos esta sexta feira polo Goberno español, 219 dos 313 concellos da Galiza, é dicir, o 70%, quedan libres xa na súa totalidade de franxas horarias para pasear e facer deporte. Nestes concellos tamén poden abrir os espazos interiores de bares e restaurantes.

Trátase de concellos de menos de 10.000 habitantes que teñen unha densidade poboacional inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. A gran maioría deles xa tiñan parroquias libres de franxas, mais agora amplían esa potestade a todo o seu termo municipal e tamén ven reducidas as medidas de confinamento.

O ministro de Sanidade anunciara a medida o día 17, pero non foi até hoxe cando se concretou no Boletín Oficial do Estado (BOE). A orde está dirixida a aqueles territorios en fase 0 e 1. Polo tanto, na Galiza só estará vixente esta fin de semana, xa que na segunda feira todo o país entre na fase 2 do desconfinamento

Ao incluír o criterio da densidade poboacional resulta imposíbel aplicar esta norma por parroquias individualizadas, segundo traslada o Goberno galego, xa que ningunha das situadas en concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes reuniría este requisito, e, polo tanto, non se sumaría ás que xa teñen liberdade de franxas.

A pesares disto, as parroquias de menos de 5.000 habitantes que non cumpran o novo criterio de densidade incluído no BOE manterán, segundo a Xunta, a súa liberdade de franxas para pasear e facer deporte como até o de agora, xa que "non se entendería que agora se visen prexudicadas".