7% das prazas de profesorado sen cubrir

O proceso de selección mantivo este ano o sistema de dúas probas, coa primeira, máis teórica, de carácter eliminatorio (Foto: Nós Diario).
163 postos de 14 especialidades ficaron vacantes nas pasadas oposicións. Desde a CIG-Ensino demandan unha revisión do sistema actual.

Unha vez rematados os procesos selectivos na Galiza para acceder á docencia pública quedaron 163 prazas sen cubrir en 14 especialidades diferentes. Un total de 109 pertencen ao corpo de Profesorado de Educación Secundaria en Matemáticas (34), Física e Química (4), Tecnoloxía (5), Lingua e Literatura Galega (9), Asesoría e procesos de imaxe persoal (2), Informática (36), Organización e Procesos de mantemento de vehículos (6), Organización e proxectos de fabricación mecánica (3), Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos (4) e Sistemas electrotécnicos e automatismos (5); outros tres no corpo de Escolas Oficiais de Idiomas en Francés; 50 no corpo de mestres en Francés e Audición e Linguaxe; e dous no corpo de Inspección.

A porcentaxe final de prazas desertas pasa, segundo un informe da CIG-Ensino, do 4,76% como resultado final da primeira proba (antes da defensa da programación e a unidade didácticas) a un total de 7, 46% tras o remate da fase de oposición. 

O secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, considera que "non ten sentido que suceda isto" e explica a Nós Diario este aumento "pola decisión dos tribunais que consideraron que as persoas aspirantes non defenderon correctamente a programación e a unidade didáctica" sendo "a peneira excesiva do primeiro exame" a que podería provocar esta circunstancia.

O problema, para Bermello, é "o propio sistema de oposición" que conta cun primeiro exame "máis científico" e unha segunda proba "máis relacionada, teoricamente, coa aplicación didáctica deses coñecementos". Con este método recoñece que "non podemos descartar que xente sen experiencia na docencia pase a primeira proba mais non sexa quen de defender unha programación". Neste sentido, asegura que os últimos informes realizados polo sindicato sinalan que máis da metade do profesorado que pasa a ser funcionario "non ten experiencia nin deu nunca clases". 

Revisión do sistema actual

Para evitar esta "descompensación" e procurar "un equilibrio",  o sindicato maioritario do sector propón "revisar o sistema" e apela a que a Administración do Estado español "reflexione" sobre a posibilidade de que "algunhas probas non sexan eliminatorias e poder defender unha programación que compense". Da Xunta da Galiza demandan que "revise a quen pon na presidencia dos tribunais" alertando de casos "nos que repiten sempre as mesmas persoas". 

"Non hai sistema perfecto", afirma Bermello, mais os datos indican que o perfil da maioría do novo funcionariado "non ten experiencia docente" e quedan fóra "persoas interinas, algunhas con cargas familiares".

Nestas circunstancias considera que o sistema "ten capacidade de adaptarse a unhas realidades diversas". Para o sindicalista este proceso selectivo é  "moi ríxido" con "pouca xente e poucos días para tomar decisións tan importantes" polo que empregan "procesos estándares que castigan ás persoas que buscan sorprender na defensa dunha programación didáctica". Alén diso, a CIG-Ensino demanda "incrementar o anonimato das probas", tal e como se fixera entre 2007 e 2011.

"Require tempo mais descargaría de traballo burocrático aos tribunais", conclúe.

92% deserto na promoción interna

Só se cubriron 25 das 300 prazas que reservadas para a promoción interna no cambio do corpo A2 ao A1 nas oposicións de ensino deste ano. "Debería dar que pensar ao Ministerio e á Consellaría", sinala a CIG-Ensino. Para este sindicato, a maioría do profesorado que forma parte do grupo A2 quere promocionar naa etapa educativa na que traballa, polo que demandan "mudar a lei".