Un delito de odio cada cinco días contra o colectivo LGTBI na Galiza en 2022

(Foto: Zera Ruzgar).
 17,07% menos que en 2021

Un estudo elaborado pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual ALAS A Coruña constata un "leve descenso" nos datos de incidentes de odio rexistrados en Galicia pero unha "estabilización" do número de agresións directas ao colectivo LGTBi.

En 2022 rexistráronse 68 incidentes de odio na Galiza, 17,07% menos que en 2021, dos cales 58 están considerados como agresións cara á este colectivo, cifra que "se mantén" respecto ao ano anterior.

Así o manifestou a presidenta de ALAS A Coruña, Ana García Fernández. Fíxoo na presentación do informe 2022 do Observatorio Coruñés contra a LGTBifobia, publicado baixo o título 'Nin vagas nin maleantes', no consistorio coruñés coa presenza da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

A quinta edición deste documento reflicte que en 2022 o servizo ofrecido por ALAS A Coruña realizou 330 atencións, 24 menos que o ano anterior, a persoas de 23 nacionalidades diferentes fronte ás 15 procedencias distintas de 2021. 59,02% dos usuarios foron asistidos na Coruña.

Neste sentido, Fernández insistiu na necesidade de "reforzar os recursos específicos habitacionais existentes" na cidade herculina porque "non son suficientes agora mesmo". "Vemos constantemente como persoas non poden ser acollidas quedando en situacións verdadeiramente precarias e perigosas", asegurou.

Respecto ao tipo de asesoramentos, a presidenta explicou que manteñen unha estrutura "moi similar" ao informe anterior e "a maioría son de tipo social, seguidos polos de tipo legal, sanitario, educativo e laboral".

Dos servizos ofrecidos, destacou que "un ano máis" o número de persoas que precisaban recursos de saúde mental é "altísimo". "Recalcamos a necesidade de poñer en marcha por parte das institucións programas que conten con profesionais de saúde mental", reclamou.

Na mesma liña, Yoya Neira denunciou unha situación "absolutamente alarmante" de saúde mental no colectivo xuvenil e esixiu "máis recursos".