65,7 millóns da Xunta para residencias privadas

Entrada da residencia de DomusVi San Lázaro, en Santiago (Imaxe: Arxina)
A Xunta orzou 65,7 millóns de euros en 2019 para concertar máis de 4.000 prazas residenciais para persoas maiores en centros que son propiedade de empresas privadas. Desta maneira, distintas corporacións acollen persoas cuxas prazas son financiadas entre a Xunta e a propia usuaria ou a súa familia. Ademais, das 49 residencias de maiores que son de titularidade da Administración galega, 22 están xestionadas por empresas privadas, con ánimo de lucro, con DomusVi á cabeza, ou de iniciativa social, como a Fundación San Rosendo. 
 

O investimento en residencias de maiores que realiza a Xunta da Galiza foi a menos nos centros que ela mesma xestiona. Pola contra, aumentou o gasto da Xunta en concesións e concertos con empresas privadas que se dedican ao sector das residencias. Así o amosa o último informe dispoñíbel publicamente de fiscalización do gasto en atención residencial aprobado polo Consello de Contas da Galiza en maio de 2018.

Das 888 usuarias de residencias de maiores que están contaxiadas, só 25 son da pública

Nel, aparece recollido o reparto e a evolución do investimento derivado do servizo de atención residencial desde 2010 até  2015. Nese reparto vese como o gasto da Xunta nos centros que ela mesma xestiona reduciuse en 6 millóns de euros, pasando de empregarse en 2010 uns 67,3 millóns a tan só 61,2 en 2015.

O informe amosa todo o contrario no gasto que a Xunta realizou en concesións e concertos, cun aumento do investimento en 14,85 millóns de euros desde 2010, situándose así o gasto en 2015 nos 53,73 millóns de euros.

Nós Diario púxose en contacto coa Consellaría de Política Social para coñecer canto pagou a Xunta para dispor de prazas para maiores en residencias de empresas privadas en 2019. A cifra orzada pola Administración galega para tal fin foi de 65,7 millóns de euros para concertar máis de 4.000 prazas.
 

A Xunta paga 4.873 prazas en residencias privadas

A Galiza ten 24.819 prazas en residencias, atendendo ao número delas en centros de maiores e en pisos e apartamento tutelados. Delas, 10.402 teñen financiamento da Xunta: 3.959 son en centros que son propiedade da Administración galega e que ela mesma xestiona; 1.570 son en centros de titularidade da Xunta mais nos que a xestión é levada por unha empresa en réxime de concesión; e 4.873 son prazas pagadas pola Xunta en residencias que son propiedade de empresas privadas con e sen ánimo de lucro, segundo os datos públicos no rexistro de residencias do portal da Xunta. 

Dado o aumento do gasto do Goberno galego en concertos e concesións, Nós Diario tamén se dirixiu á Consellaría de Política Social para coñecer o número de residencias construídas pola Xunta e cuxa xestión se puxo en mans de empresas.

Os datos fornecidos indican que o país conta con 49 residencias de maiores de titularidade da Xunta, 38 de forma directa e 11 a través do Consorcio. De todas elas, 27 son xestionadas pola propia Xunta e 22 por empresas.

Ademais, hai 174 residencias de maiores privadas. Dentro destas, catro de cada dez corresponden á iniciativa empresarial e o resto á iniciativa social, segundo os datos de Política Social.

Dentro das privadas están as que pertencen a corporacións con ánimo de lucro e a entidades rexistradas sen vontade lucrativa, que é o que se engloba na denominada "iniciativa social", no que abundan fundacións relixiosas como San Rosendo, que ostenta varios centros onde o contaxio do coronavirus foi masivo e descontrolado.

Os datos do Sergas publicados onte sinalaban que na residencia de San Rosendo A Nosa Señora da Esperanza, en Ourense, había 103 casos positivos entre as usuarias e 39 na do Divino Mestre, da mesma fundación e tamén na cidade das Burgas. 

A xunta aumentou  en 14,85 millóns de 2010 a 2015 o gasto en concertos e concesións

Os lindes entre público e privado son difíciles de apreciar a simple vista ao falarmos da rede residencial galega e cómpre reparar, como sinala o médico epidemiólogo Francisco Vizoso, un dos voceiros da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, en se a residencia é xestionada pola propia Xunta ou por unha empresa. 


Sinala Vizoso a Nós Diario un factor de distorsión que moitas veces se coloca en discursos e informes, pretendéndose computar como  centros 100% públicos aqueles que son de titularidade da Xunta, mais que están xestionados por empresas privadas. Isto, alerta Vizoso, implica que neles se están a aplicar as políticas de recortes e de precariedade laboral da empresa que a ostenta. 

A este respecto, Nós Diario publicou o 16 de abril unha reportaxe con testemuñas de traballadoras da rede residencial pública xestionada por empresas e de centros de titularidade privada, na que denunciaban a precariedade laboral á que estaban sometidas, a temporalidade, a falta de persoal e o incumprimento da ratio que debera haber segundo a norma para poder atender as usuarias.

Falaban tamén da escaseza de medios e da mala calidade da alimentación. Cuestións, todas elas, que coincidían en remarcar que non acontecían nos centros xestionados pola Administración pública e non por empresas.

Nese sentido, Vizoso sinala que, lamentabelmente, as empresas recortan alí onde lles é máis doado nunha residencia como son as partidas de persoal e de alimentación. A modo de detalle, sinalaba que esta semana por primeira vez as usuarias da residencia de Aldán da empresa DomusVi comeron peixe sapo, debido a que foi intervida pola Xunta da Galiza.

Tan só 25 contaxios nas residencias 100% públicas

Nós Diario púxose en contacto co Servizo Galego de Saúde para coñecer cantos casos de coronavirus se produciron en residencias 100% públicas da Xunta da Galiza, é dicir, naquelas que son titularidade da Administración galega e que son xestionadas por ela mesma e non se dan en concesión a empresas.

O Sergas forneceu a listaxe de centros destas características que teñen contaxios activos. O resultado é sorprendente e amosa que nas residencias con titularidade e xestión da Xunta só hai 25 contaxios activos fronte á cifra de usuarias que actualmente están contaxiadas no total de residencias galegas (públicas, privadas e concertadas) e que alcanza as 888 persoas.

Estas cifras están calculadas en base aos datos que o Sergas forneceu no día de onte. Cómpre resaltar que os 25 casos na pública non inclúen as 9 altas que xa se produciron por curación na residencia pública de Castro Caldelas.

Entre o persoal das residencias da Xunta non xestionadas por empresas hai 32 traballadoras e traballadores contaxiados de coronavirus na actualidade, fronte á cifra total deste sector profesional afectado na Galiza, que ascende no seu conxunto a 347.

As dificultades para acceder a unha praza pública

Francisco Vizoso sinala a Nós Diario a "enorme dificultade" de poder optar a unha praza nun centro da Xunta que non estea xestionado por unha corporación privada.

É practicamente imposíbel unha destas prazas para persoas que teñan unha prestación que chegue aos 800 euros e, a maioría das veces, as vacantes son en lugares moi afastados de onde viven as interesadas, o que provocaría romper toda relación coa contorna social e familiar e isolarse.