63% da poboación entre 18 e 34 anos vive na casa dos pais

A ausencia de posibilidades económicas impide a emancipación xuvenil (Foto: Nós Diario).
254.631 persoas de entre 18 e 34 anos viven coas súas nais e ou pais. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2021, último ano con cifras, 63,1% da poboación nesa faixa de idade reside na vivenda familiar. Asemade, 138.421 son homes e 116.210 mulleres, incrementándose 
a porcentaxe destas a medida que aumenta a media de idade, como consecuencia do seu papel nos coidados da xente maior.
 

139.847 mozos e mozas de entre 18 e 24 anos residen na vivenda familiar, representando 54,93% do total dos membros dese grupo de idade. Ao tempo, 68.793 persoas de entre 25 e 29 anos residen na casa dos pais e ou nais, significando 27,9% desa faixa etaria. Por último, 45.964 homes e mulleres de entre 30 e 34 anos partillan fogar cos seus proxenitores, supondo 18,5% do total dese colectivo.

A situación económica

A falta de emancipación explícase pola precaria situación económica que sofre a mocidade, perdedora das tres crises concatenadas que arrancan coa Grande Recesión de 2008. Tanto é así, que o número de persoas de entre 18 e 34 anos que residen no fogar familiar incrementouse en 3,89 puntos desde 2007, cando arredor de 256.000 mozas nesa faixa de idade atopábanse emancipadas, é dicir, 104.095 máis que na actualidade. 

As condicións de vida

O retroceso das condicións materias de existencia da mocidade nos últimos 15 anos son moi importantes, incrementándose nese período de modo considerábel a fenda xeracional.

Así, o desemprego xuvenil non deixa de medrar na Galiza e está por riba dos datos de 2009 na faixa de idade de 16 e 34 anos, situándose a taxa de paro no terceiro trimestre de 2022 para a poboación de entre 16 e 19 anos en 40,2%, en 30,9% para a poboación de entre 20 e 24 anos, en 16,2% para a poboación de entre 25 e 29 anos e en 12,4% para a poboación de entre 30 e 34 anos.

  As persoas de entre 16 e 34 anos representan 17,7% da poboación galega, mais significan 37% do total dos desempregados. Así, no terceiro trimestre de 2022 sumaban 50.000 desempregadas e desempregados para unhas cifras totais de 134.800 desocupados. Asemade, a taxa de paro é 29,4 puntos superior á media galega entre as persoas de 16 e 19 anos, 20,1 puntos superior á media galega entre as persoas de 20 e 24 anos, 5,4 puntos superior á media entre a poboación de 25 e 29 anos e 1,6 puntos superior á media entre as persoas de 30 e 34 anos. 

A fenda salarial

Os baixos salarios e a precariedade son outros importantes impedimentos no camiño da emancipación xuvenil. A este respecto, o Estudo sobre salarios nas fontes tributarias, elaborado polo Instituto Galego de Estatística para 2021, último exercicio con cifras, certifica que o salario anual dunha persoa de entre 18 e 25 anos é 14.347 euros inferior á media galega.

A situación repítese para a poboación de entre 26 e 36 anos. Mentres o salario anual medio na Galiza situábase en 2021 en 20.786 euros, para a poboación de entre 26 e 36 anos rexistraba 15.604 euros, isto é 5.182 euros anuais menos. Neste punto, a caída das retribucións increméntase para este colectivo desde 2009.