25.000 na Galiza

O 60% das persoas infectadas por hepatite C non están diagnosticadas

A Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C lanzou esta mañá unha campaña informativa sobre a enfermidade con motivo do Día Mundial da Hepatite, promovido pola OMS e que, desde 2010, se conmemora o 28 de xullo. Vídeo: Irene Pin

Esta mañá na compostelana praza do Toural, a Plataforma de Afectadas pola Hepatite C presentou a súa campaña de concienciación ante a enfermidade. No acto estiveron presentes deputados do Parlamento de Galiza como Montse Prado (BNG), Xabier Ron (AGE), Carmen Acuña (PSdeG) e Chelo Martínez, Carmen Iglesias e Mónica Fernández, do Grupo mixto.

Este ano a campaña céntrase en divulgar a enfermidade e solicitar prevención, xa que, segundo datos do estudo levado a cabo polo Plan Estratéxico Nacional, o 60 % das persoas infectadas polo virus non o saben e un total de 25.000 persoas estarían infectadas na Galiza sen coñecelo. Estes datos foron obtidos, baseándose en deteccións que se fan en persoas que son atendidas por outros motivos.

“Os medios son simples e baratos, só falta vontade política”

Enrique Costas, presidente da plataforma, foi o encarregado de presentar o acto e reclamou o tratamento para aquelas persoas en fases pouco avanzadas da doenza: “Os medios son simples e baratos, só falta vontade política”, dixo Costas, quen recalcou que “o Sergas non ten iniciado ningún programa de cribado”, ao fío do argumento de que a hepatite C é unha enfermidade totalmente curábel cando a detección é precoz e que son precisas as revisións mediante seroloxía a todas aquelas persoas que practicaran actividades de risco como ter recibido sangue antes do ano 1990, realización de prácticas sexuais sen protección e con sangrado, ter compartido xiringas para consumir droga ou calquera que crea que tivese estado exposta a posíbel contaxio. Esta prevención é necesaria en tanto en canto se trata dunha patoloxía que non presenta síntomas até os estadios máis avanzados da enfermidade.

Enrique Costas lamentou que o labor de prevención e información o teñan que asumir os propios afectados pola hepatite. Ademais, cualificou de “deserción” o rol que está a seguir o goberno ante os problemas que supón a hepatite.

“Por parte do xuíz non se leva desenvolvido ningunha actuación”

Mortes por hepatite

A denuncia presentada pola Ministerio Fiscal contra Sergas e a Xunta pola morte de 6 enfermos de hepatite continúa en stand by, segundo o presidente da plataforma de afectados, Enrique Costas: “Na investigación penal en marcha no xulgado número 3 de Santiago por presunto delito de prevaricación administrativa e de homicidios na nosa acusación e na da fiscalía, contra altos cargos do SERGAS, por parte do xuíz non se leva desenvolvido ningunha actuación”.

“Falta transparencia nos cárceres. Seguimos sen saber cantos dos 650 presos seguen sen tratamento”

Tratamentos nos cárceres

O pasado ano, a plataforma de afectados centrara a súa campaña en conseguir tratamento para as persoas presas infectadas polo virus da Hepatite C. Ante a falta total de tratamento, a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C chegou a acudir á valedora do pobo e á Fiscalía Superior co obxectivo de obter éxito. A campaña culminou cunha proposta non de lei, aprobada no Parlamento de Galiza e coa sinatura dun convenio entre o Sergas e Ministerio de Interior. Con todo, Enrique Costas reclamou transparencia na aplicación do acordo: “Falta transparencia nos cárceres. Seguimos sen saber cantos dos 650 presos seguen sen tratamento”.