Os 6 primeiros concellos galegos en acadar a ‘inmunidade de rabaño’

Chandrexa

Os seis están no sur de Galiza.

Seis concellos galegos, todos eles situados no sur da Galiza, acadaron a inmunidade de rabaño após superar o 70% da poboación co proceso de vacinación contra a Covid-19 completado.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa esta cuarta feira tras a reunión do Comité Clínico, e puntualizou que se trata de Chandrexa de Queixa, Larouco, San Xoán de Río, Parada de Sil, Vilar de Barrio e A Teixeira.

Comesaña resaltou que o proceso de vacinación en Galiza segue a "excelente ritmo" e esta semana alcanzaranse as tres millóns de doses administradas.

Ademais, incidiu en que un 94% da poboación maior de 40 anos xa recibiu polo menos unha dose, mentres que un 64% dos cidadáns desde esa idade contan con pauta completa, por riba da media do Estado (56%).

Así mesmo, avanzou que entre o domingo e a segunda feira Galiza vacinará "case 90.000" persoas maiores de 60 anos coa segunda dose pendente de AstraZeneca.