Un 6% dos cancros de mama detectados son metastáticos, un reto para a oncoloxía

O programa galego de detección precoz do cancro de mama suma desde 1992 case tres millóns de exploracións cun 80% de participación. (Foto: Europa Press).
A vulnerabilidade socioeconómica e laboral segue a afectar as doentes de cancro que este 19 de outubro volverán saír á rúa para compartir os logros do movemento rosa, que identifica o cancro de mama, mais os retos de investigación e acceso equitativo a tratamentos e ensaios clínicos.

Segundo as estimacións da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para este 2022 a partir dos datos rexistrados o ano pasado, na Galiza detectaranse case 20.000 novos tumores. Dos 19.992 previstos, 2.247 serán de mama. É o terceiro tipo de cancro máis frecuente en todo o territorio por detrás do colorrectal e o de próstata, e por diante do de pulmón. Entre as mulleres é o cancro máis diagnosticado, cunha incidencia estimada de 161 casos por cada 100.000.

No conxunto do Estado perto de 30% dos cancros diagnosticados en mulleres orixínanse na mama, que xa é o tumor máis diagnosticado do mundo, superando por primeira vez o de pulmón de acordo cos datos publicados en 2021 polo Centro de Investigacións sobre o Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés).

A probabilidade estimada de desenvolver un cancro de mama sendo muller é de 1 de cada 8. Adoita aparecer entre os 35 e os 80 anos, se ben a franxa dos 45 aos 65 é a de maior incidencia, ao se concentraren aí os cambios hormonais arredor da menopausa.

Desde 1992 case tres millóns de mulleres, un 80% da poboación albo, accederon a exploracións de mama mediante radiografías de control que permitiron detectar máis de 10.000 tumores

O tumor de mama é a primeira causa de morte por cancro en mulleres europeas, polo que a prevención secundaria e a detección precoz son desde hai anos dous obxectivos fundamentais que buscan anticipar os coidados e reducir o impacto social, laboral e emocional desta enfermidade. A Consellaría de Sanidade impulsou hai tres décadas o programa galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, un protocolo dirixido a mulleres de entre 50 e 69 anos (64 até 2004) para detectar a doenza nas etapas iniciais, mellorar o seu prognóstico e diminuír a taxa de mortalidade.

Desde 1992 case tres millóns de mulleres, un 80% da poboación albo, accederon a exploracións de mama mediante radiografías de control que permitiron detectar máis de 10.000 cancros de mama, acelerar a atención das doentes nos servizos especializados e rebaixar a mortalidade entre as mulleres participantes nun 20%.

A desigualdade persiste

A cor rosa que identifica o cancro de mama e a reivindicación das persoas diagnosticadas a unha atención sanitaria equitativa, áxil, especializada e multidisciplinar converteuse nos 90 nun movemento que logrou grandes avances. Mais "queda moito por facer", aseguran desde a AECC na Galiza.

"Conseguiuse que un diagnóstico de cancro de mama non sexa dos peores. A cinco anos a supervivencia supera 85%", pero hai pacientes con prognósticos máis negativos.

É o caso das mulleres diagnosticadas de cancro de mama triplo negativo metastásico (CMTNm), cuxa supervivencia abeira 25%. É o tipo máis agresivo dos cancros de mama, aquel que xa se estendeu ao resto do corpo e que afecta con maior frecuencia o fígado, o pulmón, os ósos e o cerebro. Supón entre 5 e 6% do total e até hai pouco era o único que non contaba con alternativa terapéutica. 

O triplo negativo metastásico é o tipo máis agresivo dos cancros de mama, aquel que xa se estendeu ao resto do corpo e que afecta con maior frecuencia o fígado, o pulmón, os ósos e o cerebro

Conseguíronse grandes avances en prevención, diagnóstico e tratamentos, pero é necesario seguir impulsando a investigación. As pacientes de cancro de mama metastásico insisten en incrementar os recursos destinados a este fin, en mellorar o acceso a ensaios clínicos e ás unidades de cancro hereditario mais en personalizar os programas de cribado e prevención. 

Día Mundial Contra o Cancro de Mama

Mesas informativas, obradoiros, xornadas de portas abertas. Asociacións de pacientes sairán á rúa esta cuarta feira, Día Mundial da loita contra o Cancro de Mama, para dar a coñecer a doenza. O seu proceso comeza cun diagnóstico, mais non finaliza coa alta. "Moitas mulleres volven demandar os nosos servizos anos despois, e pódeno facer sempre que o precisen".

María Martínez é traballadora social de Adicam, unha asociación de mulleres diagnosticas de cancro de mama con sede en Cangas, Moaña, Pontevedra e Vigo. Conta unhas 2.000 socias, case 30% diagnosticadas. Ofrecen atención psicolóxica, orientación nutricional e fisioterapia entre outras.

"As necesidades crecen, mudan e non se reducen só ao ámbito sanitario. O cancro supón numerosos cambios que afectan ao seu desenvolvemento social, económico e laboral", precisa.