598.322 hectáreas de monte están a mato

Terras a mato na comarca de Ordes. (Foto: Nós Diario)

A superficie forestal galega suma perto de dous millóns de hectáreas e representa 60,8% da extensión do país. Segundo os datos achegados polo Inventario Forestal Nacional, 598.322 hectáreas atópanse ocupadas polo mato. O abandono do monte é un dos  principais factores de risco para os incendios.

A superficie forestal da Galiza non deixa de medrar nos últimos 30 anos. As cifrasachegadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, referidas a 2021, sinalan que a masa forestal ocupa 1.798.644 hectáreas, representando 60,8% da extensión do país e 5,8% da estatal. Neste sentido, representa unha porcentaxe moito máis elevada que a da media do Estado, onde a superficie forestal sitúase arredor de 38,4% do total do territorio.

22,2% da superficie forestal da Galiza, isto é 598.322 hectáreas, está ocupadas polo mato. A maior extensión do mesmo concéntrase nas comarcas ourensás con 272.493 hectáreas, seguidas das comarcas luguesas con 172.028 hectáreas e xa a máis distancia as comarcas coruñesas con 78.650 hectáreas e as pontevedresas con 75.161 hectáreas. Nesta dirección, o mato gaña terreo de forma continuada nas últimas décadas, sendo a expresión máis evidente do abandono do rural.

A superficie forestal a mato é superior á de frondosas ou coníferas. Segundo os datos achegados polo último informe do Consello Económico e Social, procedentes da Enquisa sobre rendementos e cultivos elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en 2021, as plantacións de coníferas, onde se inclúen os piñeiros, ocupaban 303.376 hectáreas. Ao tempo, as frondosas de crecemento lento suman na Galiza 323.601 hectáreas.

Superficie cultivábel

A extensión ocupada polo mato xa supera a superficie cultivada. Mentres 598.322 hectáreas se atopan a mato, só 358.247 hectáreas se destinan a cultivos, representando 42,8% da superficie agraria útil (SAU). Neste sentido, 31.671 hectáreas, 3,8%, da SAU, dedícanse á produción de cereais e gran, 11.766 hectáreas, 1,4% da SAU, á produción de tubérculos, fundamentalmente a patacas, 26.216 hectáreas, 3% da SAU, a viñedos, 19.635 hectáreas, 2,3% da SAU, a froiteiras non cítricas e 22.500 hectáreas, 2,7% da SAU, a hortas familiares.

O terreo ocupado polo mato é, tamén, superior á superficie destinada a prados e pasteiros. A este respecto, a Enquisa sobre rendementos e cultivos de 2021 indica que a este uso están dedicadas 478.109 hectáreas, que representan 16,2% do total da extensión Galiza e 57,2% da SAU. Precisamente, a falta de base territorial é un dos principais problemas que deben afrontar as explotacións leiteiras no país, provocando un aumento dos custos de produción, que implica que as explotacións deban destinar 65% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais.

A perda de explotacións

A extensión das explotacións gandeiras galegas sitúase á cola do Estado, cunha dimensión só superior á das Illes Balears e cunha redución da súa superficie desde 2009 en 0,66 hectáreas. A este respecto, só as explotacións agrogandeiras da Rioxa e Illes Balears perderon nestes últimos 11 anos máis tamaño que as galegas, nun marco de incremento xeneralizado da base territorial das mesmas. Nesa dirección, as granxas no conxunto europeo dispoñen dunha extensión de aproximadamente 40 hectáreas e a superficie das galegas é de 7,93 hectáreas.

O incremento da superficie forestal vai ligado a unha caída da superficie agraria útil. Segundo as cifras do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a SAU reduciuse na Galiza desde 1986, ano da incorporación do Estado español ao Mercando Común Europeo, antecedente da Unión Europea (UE), até 2021 en 131.181 hectáreas.

A última década veu confirmar a tendencia do ciclo aberto após a incorporación á UE. Desde 2009 reducíronse as terras de cultivo en 49.605 hectáreas, isto é en 7,66%, e destruíronse 23.158 empregos agrarios, pasando de 87.433 a 64.275 en 2021.

Nesta dirección, foi significativo no referido período o incremento da SAU en boa parte dos Estados da UE, até o punto de representar como media no espazo comunitario o dobre da galega, rexistrándose Estados desta área onde as terras agrarias traballadas representan máis de 50% do seu territorio.

A SAU galega

A SAU galega ocupa, así, unha extensión moito máis reducida que a media do Estado. Mentres no país representaba en 2021 un total do 28,3% da súa superficie, no conxunto estatal significaba arredor de 50%, manténdose cultivado na Galiza o 12,1% do seu territorio, fronte ao 33,4% da media estatal.

Asemade, malia a importancia do sector gandeiro galego, que xera 40% da produción láctea estatal, as zonas destinadas a prados e pastos é inferior en catro décimas na Galiza ao conxunto do Estado