56% do alumnado de 6º de Medicina da USC xa ten a docencia práctica na Coruña e Vigo
A Universidade de Vigo (UVigo) era a que faltaba por se pronunciar oficialmente sobre o acordo de descentralización de Medicina logo de que a pasada sexta feira a de Santiago de Compostela (USC) decidise non votalo —após o rexeitamento frontal ao pacto da Facultade de Medicina— e a da Coruña (UDC) anunciase que retomaba o seu proxecto de dotarse dun grao propio. O Consello de Goberno da UVigo reuniuse esta segunda de forma extraordinaria e acordou tamén non votar o pacto para a descentralización que alcanzaran as tres universidades e mais a Xunta da Galiza. "Non procede votar o punto da orde o día porque a USC non se sumou ao acordo, e non procede que nós nos sumemos a un acordo desbotado pola USC", explicou o reitor, Manuel Reigosa.
Un acordo que, afondou Reigosa, "chega morto porque a USC non se sumou”. Tamén informou de que a Universidade de Vigo avanza, en consecuencia, na tramitación do seu propio Grao en Medicina, cuxo proceso rematará o 1 de xuño de 2026 co envío da solicitude da proposta á Consellaría de Educación. Para deseñar este grao propio para Vigo constituíuse un grupo de traballo coordinado pola catedrática África González. "Imos seguir dando pasos para a creación do grao e da facultade", confirmou o reitor. "Non nos queda outra que pedir o título", engadiu, aínda que tamén mostrou a súa disposición de volver negociar.
Reigosa cifrou en 12,5 millóns de euros anuais —dos que 40% lle correspondería pagar á UVigo— o custo anual do Grao de Medicina, mentres que en relación coas dotacións materiais lembrou a existencia no seu día dun proxecto para construír unha vela extra no hospital Álvaro Cunqueiro, que podería acoller esta titulación alén da de Enfermaría. Sobre a posibilidade de que por parte da USC decidan finalmente apoiar o acordo, Reigosa explicou que se desen ese paso proporíao de novo no Consello de Goberno da UVigo, “mais se se quere volver abrir a negociación para desenredar os acordos, non daremos máis voltas", explicou Reigosa, pois considera que "esa pantalla xa está superada".
Así pois, o pacto que alcanzaran as tres universidades, que pasaba por descentralizar a docencia de cuarto e quinto curso –sexto xa o está– ao longo dos tres vindeiros anos académicos semella que vai esboroar sen empezar sequera a ser aplicado. Os tres reitores asinaran o acordo, dentro dun grupo de traballo no que tamén estaban o decano da Facultade de Medicina da USC, representantes do colectivo médico e membros das consellarías de Educación e de Sanidade. O acordo mesmo fora validado polo Consello de Coordinación da Docencia Clínica da Galiza. A única universidade que o aprobou é a UDC.
Acordo de 2015
Había xa un convenio de descentralización, alcanzado en 2015 entre as universidades e a Xunta da Galiza, mais que algunhas das institucións consideraban esgotado. Froito daquel convenio comezaba a descentralización da práctica clínica e o sexto curso do Grao de Medicina. Naquel acordo estabelecíase que a docencia de sexto repartiríase entre as tres universidades e os seus hospitais en función da capacidade docente.
Segundo os datos fornecidos pola Consellaría de Sanidade a solicitude de Nós Diario, actualmente —no curso 2025-26— hai 352 estudantes de sexto na Facultade de Medicina da USC. Deste alumnado, apenas 25% (92 estudantes) fan as súas aulas prácticas —o coñecido como 'rotatorio'— tendo como referencia o Hospital Universitario de Compostela. Hai 100 no Álvaro Cunqueiro de Vigo e 97 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Entre estes dous hospitais suman 197 estudantes de último curso de Medicina, 56% do total. O reparto complétase con 28 no hospital de referencia en Pontevedra, 18 en Lugo, outros 18 en Ourense e 8 en Ferrol. Do total de 352 alumnos e alumnas, 263 fan o rotatorio en hospitais que non están na capital galega.
A única Facultade de Medicina que até o día de hoxe existe na Galiza ten 2.266 estudantes no actual curso. Houbo, para o 2025-26, 419 prazas de novo ingreso —en 2023 eran 360—. Esta Facultade é a que máis prazas de entrada oferta no Estado, seguida da Autónoma de Barcelona (UAB), con 385, e a de Euskadi (EHU), con 368.
No conxunto do Estado español hai 57 facultades de Medicina, un terzo das cales son privadas; cifra que duplica as que había no ano 2008.
Mapa de titulacións
Esta segunda na reunión do Consello de Goberno da UVigo algúns dos presentes trasladaron ao reitor a súa preocupación porque a falta de acordo en Medicina se poida estender á negociación do mapa de titulacións, algo que Reigosa recoñeceu que podería ocorrer: “Non estamos na mellor situación para acordar novos títulos”, dixo.
O actual mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) data de 2022 e vencerá en 2026. Un mapa en base ao que se estabelecen 27 novas titulacións universitarias nas tres universidades, a implementar neste período de cinco anos a piques de rematar: 12 graos e 15 mestrados.