A UVigo mantén a súa aposta por impartir Medicina en 2027 após o veto da USC ao acordo de descentralización

Manuel Reigosa, reitor da UVigo. (Foto: Xan Carballa)
A USC trasladou a pasada semana o seu rexeitamento ao acordo, seguindo a postura da Facultade.

A Universidade de Vigo (UVigo) decidiu seguir adiante coa creación dun grao propio de Medicina a partir de 2027 tras o rexeitamento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a ratificar o convenio de descentralización docente pactado entre as tres universidades galegas. "Non nos deixan outra saída", trasladou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, durante o Consello de Goberno decorrido esta segunda feira.

A pesar de que o órgano se reúne sempre a porta fechada, segundo adiantou Faro de Vigo, fontes académicas confirman que Reigosa comunicou a súa intención de continuar co proceso de elaboración do título, cuxa proposta definitiva deberá remitirse formalmente á Xunta da Galiza antes do 1 de xuño de 2026. A maiores, informou sobre a composición da comisión redactora do futuro grao e do equipo externo que asesorará o traballo.

Unha reunión extraordinaria sen acordo pola marcha atrás de Santiago

O Consello de Goberno convocado esta segunda feira de maneira extraordinaria tiña que debater a aprobación definitiva do acordo de descentralización da docencia de Medicina. Porén, a votación non chegou a decorrer despois de que a USC, nunha decisión inesperada anunciada a pasada sexta feira, rexeitara o texto avalado polo grupo de traballo interuniversitario.

A postura da Facultade de Medicina de Santiago —que considera o acordo "inviábel", "inédito" no sistema universitario e un risco para o modelo académico— deixou en suspenso un pacto ao que tanto a UVigo como a UDC continuaban dispostas a dar luz verde.