55 días de demora para se operar na Galiza

Operación cirúrxica (Europa Press).
As estatísticas do Ministerio de Sanidade indican que o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica na Galiza é de 55 días. É o dato oficial a 31 de decembro de 2019, data na que os rexistros recollían 35.720 persoas pendentes de operarse e 166.827 á espera dunha primeira consulta especializada.

O tempo medio de espera cirúrxica na Galiza é de 55 días, segundo os datos publicados esta semana polo Ministerio de Sanidade. É a cifra oficial a 31 de decembro de 2019, lixeiramente superior á ofrecida polo Sergas no mes de xaneiro. Entón, con 54,5 días de espera acumulada no segundo semestre do ano pasado, apuntou “o mellor dato acadado na súa historia”.

Mais os detalles das listas de espera para se operar en cada área sanitaria, divulgados polo Servizo Galego de Saúde, esconden unha suba xeneralizada dos tempos medios de agarda, en todas as zonas, salvo na de Vigo, onde decreceron tanto nos hospitais públicos, 13,2 días, como no privado-concertado de Povisa. 

Esta mellora salva a media de todo o territorio, que, en conxunto, reduciu nun día o tempo medio de espera cirúrxica. Pola contra, subiu tres na área sanitaria da Coruña e Cee; 3,6 na de Santiago e O Barbanza; 4,4 na de Ferrol; 5,3 na de Lugo, Monforte e a Mariña; 9,9 na de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, e 1,2 na de Pontevedra e O Salnés.

Os datos recompilados até final de ano polo sistema estatal de saúde confirman o que xa avanzou o Sergas no seu momento. O número de persoas pendentes dunha operación na Galiza é de 35.720, cunha taxa de 13,63 pacientes en agarda por cada 100.000 habitantes, máis elevada que a rexistrada seis meses antes, de 13,1 doentes. 0,9%, sinala o Ministerio de Sanidade, esperan máis de seis meses.

Sobrecarga do sistema

A teor do estabelecido no Real Decreto 605/2003 para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no sistema estatal de saúde, estas demoras afectan a pacientes de prioridade 3, aquelas cuxa patoloxía permite atrasar o tratamento ao considerar que a súa enfermidade "non produce secuelas importantes". 

Mais o colectivo médico advirte das consecuencias dunha tardanza excesiva no caso destas cirurxías que non son consideradas unha emerxencia. "Afectan directa e negativamente á calidade de vida das doentes", sinala Manuel González Moreira, médico de familia e voceiro de SOS Sanidade Pública na área Sanitaria de Vigo, e contribúen a sobrecargar o sistema sanitario, nomeadamente as consultas de Atención Primaria. Segundo indica a Nós Dario, adoitan ser casos doados de resolver, e seríano, di "se contásemos con recursos suficientes e organizados de forma eficaz". 

As pacientes de prioridade 1, informou o Sergas no seu momento, aquelas cuxo tratamento cirúrxico non admite unha demora superior a 30 días, esperan unha media de 16,7 días. Mentres que as pacientes de prioridade 2, cuxa situación clínica ou social admite unha demora relativa, sofren unha espera media de 55,1 días. 

En canto ás consultas hospitalarias, o tempo medio de espera é de 42 días, segundo o Ministerio de Sanidade, catro máis que no mes de xuño. A finais de 2019 había 166.827 persoas agardando para seren atendidas por unha especialista, cunha taxa de 63,66 persoas por cada mil habitantes. Ademais, a porcentaxe de pacientes que espera máis de 60 días para unha consulta por enfermidade é de 17%, segundo as estatísticas estatais.

"A Lei de garantías é unha aberración para a sanidade real"

A crise sanitaria provocada polo coronavirus paralizou o sistema e quedará reflectido nas listas de agarda. Mais para SOS Sanidade Pública non fai falla esperar o primeiro informe semestral de 2020 para certificar que os tempos de espera que estabelece a Lei de garantías non se cumpren "nunca". "É unha aberración para a sanidade real", asegura José María Dios. "Hai primeiras consultas solicitadas que pasan do ano. Cando lle sumas probas diagnósticas e a intervención cirúrxica, as esperas dilátanse".  

E incide en que "a Administración non pon os recursos para atender a demanda". E ao rebasar os prazos legais deriva as doentes á privada "con cartos públicos". "Cada día saen como churros desde as consultas hospitalarias ou de Atención Primaria e, se rexeitan esa vía porque escollen ser atendidas na pública, desaparecen das listas de espera".