505 días: así foi o contaxio máis longo de Covid-19 até o momento

As persoas que participaron do estudo tiveron infeccións de 73 días de media. (Foto: Okrasiuk)
Investigadores do Reino Unido detallan un dos primeiros casos de Covid-19 oculta, isto é, cando unha persoa obtén resultados negativos nas PCR pero posteriormente se demostra que a infección seguía activa.

Un grupo de investigadores e investigadoras do Reino Unido vén de describir a infección por Covid-19 máis longa coñecida até o momento. En concreto, o paciente deu positivo durante 505 días antes do seu falecemento. Anteriormente, o caso máis longo confirmado por PCR era de 335 días.

O persoal investigador, que estudou o virus en nove pacientes en Londres, tamén demostra que as variantes poden inzar en doentes inmunodeprimidos e presenta os detalles dun dos primeiros casos de Covid-19 oculta —casos nos que se pensaba que o paciente superara a infección, con probas negativas, mais con posterioridade demostrouse que o virus seguía no organismo—.

Este grupo quería saber como o SARS-CoV-2 se desenvolve en inmunodeprimidos co paso do tempo. "Unha teoría é que as variantes evolucionan en persoas cuxos sistemas inmunes están debilitados por enfermidades ou tratamentos médicos como quimioterapia, que poden ter unha infección persistente", explica o doutor Luke Bladgon Snell, do Guy's and St. Thomas' NHS Foundation Trust.

Por iso, quixeron investigar que mutacións xorden e se evolucionan nas persoas con infección permanente. O estudo involucrou nove pacientes inmunodeprimidos que deron positivo durante, cando menos, oito semanas. As infeccións duraron 73 días de media, mais houbo dous pacientes con infeccións permanentes durante máis dun ano.

Cinco dos nove pacientes desenvolveron cando menos unha mutación vista nas variantes "de preocupación"

Os pacientes tiñan o sistema inmune debilitado por mor de transplante de órganos, VIH, cancro ou tratamentos médicos por outras enfermidades. Foron estudados entre marzo e decembro de 2020. As mostras tomadas regularmente e as análises xenéticas do virus mostran que cinco dos nove pacientes desenvolveron cando menos unha mutación vista nas variantes "de preocupación". Algúns deles desenvolveron varias mutacións asociadas con este tipo de variantes, como alpha, delta e ómicron.

De feito, o virus dun dos pacientes desenvolveu dez mutacións achadas nestas variantes de preocupación. "Isto demostra que as mutacións atopadasnestas variantes poden xurdir en pacientes inmunodeprimidos e apoia a idea de que novas variantes dos virus poidan desenvolverse en individuos inmunodeprimidos", detallan os autores, que engaden que, con todo, aínda descoñecen "se as anteriores variantes de preocupación como alpha, delta e ómicron foron orixinadas deste modo".

Cinco dos nove pacientes sobreviviron. Dous deles superaron a infección por SARS-CoV-2 sen tratamento, dous máis superárona despois do tratamento con terapias de anticorpos e antivíricos e o outro aínda non superou a infección. No seu último tratamento a principios de 2022, o paciente con infección en curso estivera infectado durante máis dun ano —412 días—.

A persoa foi tratada con anticorpos monoclonais para tratar de eliminar a infección. Se este individuo segue a ser positivo na súa próxima cita médica, é probábel que supere a infección anterior máis longa coñecida de 505 días descrita neste estudo. Os investigadores tamén explican un dos primeiros casos dunha infección de Covid-19 oculta.

O paciente era sintomático e deu positivo en Covid-19 antes de recuperarse. Deu negativo varias veces antes de desenvolver síntomas outra vez varios meses máis tarde. Unha proba PCR deu un resultado positivo e a secuenciación do xenoma do virus nese momento suxería que a infección fora consecuencia da variante alpha, que xa fora eliminada do Reino Unido. Iso implicaba que o virus estivo presente no seu corpo desde a infección inicial, mais non se detectou.