Máis de 50.000 sinaturas avalan a ILP en defensa da atención primaria, o maior apoio a unha iniciativa popular

Entrega das 50.000 sinaturas no Parlamento, esta terza feira. (Foto: Europa Press)
O presidente Rueda insiste en que a manifestación do próximo domingo convocada por SOS Sanidade Pública está "politizada": "Eu irei á Feira do Cocido de Lalín".

A plataforma SOS Sanidade Pública entregou esta terza feira máis de 50.000 sinaturas que avalan a iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da sanidade e de apoio á atención primaria, nunha xornada coincidindo coa primeira sesión plenaria desta semana e a cinco días da manifestación do próximo domingo 12 de febreiro, que se espera "tremendamente importante" por parte da organización.

Así, os impulsores da ILP, que contan co apoio dos grupos políticos da oposición —BNG e PSdeG— e dos extraparlamentarios de esquerdas —Podemos, Anova e Esquerda Unida—, entregaron tres caixas coas firmas recompiladas nos últimos meses, un número "histórico", en palabras do portavoz da plataforma, Manuel Martín, que a converte na iniciativa popular máis apoiada que chegou ao pazo do Hórreo.

"É a iniciativa lexislativa con maior respaldo da historia da democracia galega. Cremos que reflicte o clamor da comunidade, da poboación en contra da situación tan terríbel que temos na atención primaria, que está en risco de desmantelamento e, a medio prazo, de privatización se non poñemos remedio a esta situación", salientou o doutor Martín.

Rueda: "Irei á Feira do Cocido"

Quen non asistirá á manifestación é o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que esta terza feira volveu insistir en que hai "politización" detrás desta protesta convocada por SOS Sanidade Pública. A preguntas dos medios sobre se barallaba acudir, replicou que ten outra axenda: irá á Feira do Cocido de Lalín.

"Por moitísimas razóns vou estar aí. Teño aquí o conselleiro de Educación [Román Rodríguez], que é de Lalín, e non me permitiría outra cousa", chanceou o presidente galego, que asegurou que "respecta" a protesta porque "a xente ten dereito a manifestarse", pero insistiu que "hai moita politización" detrás da convocatoria.

"Hai xente que se manifestará lexitimamente, pero pódese constatar a ollos mesmo imparciais que hai moitísima intención de politizalo todo, e de aproveitar para sacar rédito político", afirmou.