5.000 sinaturas reclaman unha sanidade pública de calidade na Mariña

Mobilización en defensa da sanidade pública en Viveiro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Veciñanza denuncia a falta de persoal médico no centro de saúde de Viveiro

Veciñanza de Viveiro volveu saír esta quinta feira á rúa, como vén facendo cada 15 días desde o mes de maio, para defender a cobertura total do persoal facultativo, de enfermería, técnico e administrativo no centro de saúde da vila. Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña apuntaron que continúan cun cadro médico "moi reducido debido á escaseza de persoal sanitario".

A situación está a ocasionar que moitas veciñas e veciños do municipio non teñan asignado un médico de familia de referencia, imposibilitándolles manter un seguimento estábel das súas doenzas. Aliás, desde a plataforma informaron de que até o de agora recolleron máis de 5.000 sinaturas que serán entregadas no Rexistro o próximo 15 de xaneiro e coas que demandarán, como sinalaron, "unha sanidade pública, de calidade, digna e equitativa".



Montse Porteiro, coordinadora da plataforma, agradeceu o labor de todas as persoas que traballaron na recollida de sinaturas entre a veciñanza.