Máis de 5.000 sinaturas contra unha novillada nunha leira privada en Abegondo

[Imaxe: @adegaGz]

Un empresario local pretende organizar unha 'novillada sen picadores' , denuncia Libera!

Un empresario pretende organizar o vindeiro 27 de agosto, e coincidindo coas festas de San Marcos, unha novillada en Abegondo. Así o denunciou, indica Libera, o concelleiro Pancho Niño, de Foro Veciñal de Abegondo-Son, despois de que a asociación animalista Libera contactase con este grupo municipal. O alcalde rexeitou publicamente no pleno autorizar un espectáculo taurino e os animalistas iniciaron unha campaña a través das redes sociais. En menos de 24 horas afirman que sumaron máis de 5.000 rúbricas.

Libera! denuncia que “as novilladas son especialmente crueis”. Lembra como os bóvidos que se puidesen trasladar a Abegondo serían "atravesados por 80 centímetros de aceiro o que lles perforará os músculos e os seus órganos vitais, provocando unha morte lenta, agónica e dolorosa".

Os animalistas tamén denunciaron “a surrealista ocorrencia” do potencial promotor deste evento de crueldade animal, ao tratar de impor “unha actividade allea a Abegondo e á comarca, onde a cidadanía rexeita maioritariamente que os malos tratos dun ser vivo poidan ser camuflado como un acto festivo”.

A organización subliña que durante o último ano os dous municipios da provincia, A Coruña e Padrón, que subvencionaban eventos tauromáquicos desistiron desta actividade en resposta ás demandas cidadás.