O conselleiro de Sanidade ignora as 5.000 sinaturas recollidas en defensa da doutora Fátima Nercellas

A doutora Fátima Nercellas, nunha imaxe da campaña de apoio (Foto: Carmen SP).
Omega, sindicato do que a doutora do CHUS forma parte, dirixiuse por escrito a Julio García Comesaña na segunda feira para solicitar un encontro no que entregarlle as sinaturas recollidas e abordar a sanción imposta, que considera "un intento de desprestixiar a doutora"  por "ter anteposto o beneficio do paciente a normativas internas alleas ao acto sanitario fundamental".

O sindicato médico Omega, do que forma parte a doutora Fátima Nercellas, enviou esta segunda feira unha misiva —á que tivo acceso Nós Diario— dirixida ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para amosar o seu rexeitamento ao expediente sancionador que vén de abrirlle o Servizo Galego de Saúde (Sergas), cunha proposta de suspensión de 17 días.

Para Omega, a sanción imposta a Nercellas "baséase nunha serie de feitos que se catalogan como un intento de desprestixiar esta doutora, posto que é moi crítica coa situación sanitaria do servizo", e os feitos que xustifican o expediente, "a excepción de un, eran en realación á súa actividade sindical e por tanto protexida por lei".

"Tal é así —engade o escrito do sindicato— que na apertura da fase de comunicación o inspector encargado viuse na necesidade de retiralos tras a argumentación da nosa letrada, so pena de exporse a un procedemento de vulneración de dereitos fundamentais".

Porén, o expediente segue aberto por un feito que o inspector se negou a retirar por consideralo "alleo" á súa condición de delegada sindical de Omega no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS): ter trasladado dous pacientes desde un corredor no que foran "estacionados" até un lugar que estaba dispoñíbel e posibilitaba a súa exploración "á maior brevidade posíbel".

"Por parte do Sergas e a través do inspector arguméntase que debe ser sancionada por non comunicar aos seus superiores ese traslado e á existencia dunha norma interna que tamén o impedía. De manterse esta tese, estariamos a falar de prohibir dereitos xa consolidados da liberdade do profesional médico sobre actuación en situacións que requiran dunha rápida acción e supoñan antepor o beneficio do paciente a normativas internas alleas ao acto sanitario fundamental", engade.

A misiva tamén fai alusión aos dous falecementos nos corredores de Urxencias decorridos neste hospital nun curto período de tempo, e que o Sergas, con esta sanción, "semella esquecer".

Máis de 5.000 sinaturas

Neste escrito Omega solicitou unha cita co conselleiro para facerlle entrega das —até o momento— 5.257 sinaturas recollidas a través da plataforma Change.org. Após non ter obtido resposta ningunha por parte de García Comesaña, a doutora entregará esta sexta feira as sinaturas.