Asemblea cidadá en María Pita

5.000 asinaturas para o concello da Coruña convocar unha consulta sobre o futuro da fachada marítima

Momentos previos ao comezo da asemblea

Por volta de 120 persoas, en representación de máis de 60 asociacións do tecido cívico da Coruña, tomaron parte esta cuarta feira nunha asemblea no salón de plenos do concello. Convocaba a Comisión Aberta en Defensa do Común. Opóñense a que se gaste un só euro público na recuperación dos terrenos de A Solana.

O salón de plenos do Concello da Coruña foi esta cuarta feira o cenario dunha concorrida asemblea de Defensa do Común en que tomou parte o groso do movimento social da cidade, con máis de 60 asociacións cívicas -veciñais, culturais, deportivas-, presenza dos sindicatos CIG, UXT, CC OO e dos grupos municipais de En Marea, PP, PSdeG e BNG.

A convocatoria tivo o apoio explícito, entre outras entidades, da Comisión da Memoria Histórica, de Stop Desafiuzamentos e de Adega.

Na reunión participou tamén o alcalde, Xulio Ferreiro.

A Asemblea ratificou o obxectivo básico de Defensa do Común: a devolución gratuíta á cidade do complexo deportivo de A Solana e o Hotel Finisterre, ben como a de todos os peiraos do porto (Batería, Calvo Sotelo...), a antiga prisión provincial e os terrenos de Defensa do campo de A Estrada. Nesa dirección, o colectivo cidadá impulsa unha consulta popular, para a que ten xa o respaldo de 5.000 asinaturas. 

Trataríase agora de que o concello asumise esta reivindicación e dispuxese a organización do referendo. A tal efeito, a asemblea acordou que Defensa do Común dea traslado aos grupos municipais dunha moción para o seu debate no pleno do próximo mes de marzo con vistas á convocatoria da consulta.

"Tivemos unha reunión co alcalde e non están en principio en desacordo coa realización da consulta. É un mecanismo que está previsto no regulamento de participación cidadá, na lexislación estatal e na galega. Non ten por que haber ningún problema. De feito estanse a facer por aí adiante, por exemplo no concello de Madrid", di a Sermos Manolo Monge, integrante de Defensa do Común.

"Tivemos unha reunión co alcalde e non están en principio en desacordo coa realización da consulta", di Manolo Monge

A Asemblea aprobou tamén a convocatoria dunha manifestación popular en defensa da recuperación gratuíta para a cidade de bens en orixe públicos e que agora están ameazados de privatización por parte ou da Autoridade Portuaria ou do Ministerio de Defensa. Ficou pendente a fixación da data para esta marcha.

"A verdade é que estamos moi satisfeitos da resposta do tecido cívico da cidade nesta asemblea. Comezamos a reunión con 52 entidades e, a medida que se foi desenvolvendo, fomos incrementando apoios, até alcanzar as 60. Temos 5.000 asinaturas e continuamos con mesas nas rúas para aumentarmos as adhesións á consulta popular", di Monge, quen enfatiza que "as asociacións foron apoiando nas súas intervencións tanto o contido concreto das nosas reivindicacións como as accións que planificamos para materializalas, desde o referendo até a manifestación".

O disenso co goberno local

O disenso coa estratexia do goberno local de En Marea continúa a estar no mesmo ponto: a equipa de Ferreiro mantén a aposta de pagar 1,4 millóns de euros (o prezo de taxación) á Autoridade Portuaria polo complexo deportivo de A Solana e mantén negociacións con Portos do Estado para que na reordenación da fachada marítima da cidade se alíe o uso público coas necesidades de financiamento do porto coruñés decorrentes da construción da dársena exterior de Ponta Langosteira.

Sobre este asunto, Monge defende que A Coruña non sexa unha excepción negativa no Estado: "Os portos exteriores de Xixón e Pasaia foron financiados integramente por Fomento. Por que a cidade da Coruña vai ter que asumir parte da factura? Por que esta discriminación?".

A respeito do complexo de A Solana, a posición de Defensa do Común é nidia: "Aquí falamos dun roubo. De botín de guerra dos fascistas e de empresarios vinculados á ditadura. Ten que se devolvido gratuitamente ao concello. Non hai por que pagar 1,4 millóns de euros do erario público coruñés".

Suspensión indefinida

Froito das negociacións a tres bandas entre o porto, concello e Portos do Estado, o consello de administración da dársena coruñesa ratificará esta quinta feira a suspensión da poxa dos terrenos de A Solana e o Hotel Finisterre.

É un paso insuficiente. "Non queremos unha suspensión temporal. Queremos unha suspensión definitiva de todas as subastas", di Monge.