As 500 primeiras doses da vacina da Covid-19 viaxan xa a Galiza

Dose da vacina de Pfizer que viaxa xa cara Galiza (Foto: Moncloa)
A segunda feira chegarán outras 18.000 doses que se distribuirán por todo o territorio galego.

En cuestión de horas, a vacina da Covid-19 chegará a Galiza. Serán as primeiras 500 doses de Pfizer-BioNTech, que viaxan desde Guadalaxara escoltadas pola Guardia Civil e a Policía Nacional. Esta última será a responsábel da súa custodia unha vez cheguen ao seu destino. 

A chegada das primeiras 500 vacinas, segundo a Delegación do Goberno español na Galiza, está prevista para primeira hora da mañá deste domingo, cando serán entregadas á Xunta, que comezará a administralas nunha residencia de maiores da área santiaria de Compostela, onde hoxe realizaron un simulacro do protocolo a seguir. 

A simulación desta mañá comezou cunha falsa recepción das doses no almacén para despois trasladalas ao centro de maiores Porta do Camiño da capital galega, que será onde se iniciará a vacinación este domingo, tal e como confirmaron desde a Xunta

Segundo informa a Consellaría de Sanidade, durante o simulacro comprobouse o funcionamento do dispositivo de control da temperatura das doses ─a de Pfizer-BioNTech precisa conservarse entre 80 e 60 graos baixo cero─ e se replicou o proceso de preparación para a súa inoculación aos maiores, que serán citados en intervalos de cinco minutos nunha sala habilitada.

Ademais, de cara á chegada na segunda feira dunha segunda remesa cunhas 18.000 vacinas, estabelecerase outro dispositivo entre a Garda Civil, a Policía Nacional e a Autonómica para efectuar a "distribución capilar" destas doses por todo o territorio galego.

A chegadadas vacinas prodúcese nun momento no que os positivos e a presión hospitalaria medran día tras día na Galiza onde, segundo denuncia o sindicato Satse, as enfermeiras non están acreditadas para vacinar da Covid-19.