50 ecopoemas de amor no Día da Terra

Día Internacional da Terra (Adega).
Adega celebra o Día da Terra dedicándolle medio cento de poemas de amor que se poden ler nas súas redes sociais. Ademais, a asociación ecoloxista insta á sociedade a mudar a relación coa Terra por outra fundamentada no respecto e na complicidade.

“A Terra estanos a enviar unha mensaxe de queixa, a Terra sofre, e pide que actuemos”. No Día Internacional da Terra, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) recolle as palabras da Organización de Nacións Unidas (ONU) para expresar a necesidade de artellar un compromiso renovado co planeta.

Neste sentido, na mesma liña que avanzou o organismo internacional, Adega sinala a pandemia da COVID-19 como alicerce do cambio da nosa relación coa Terra. “Se non actuamos fronte a crise climática, a deforestación masiva, a emisións de gases contaminantes, a produción agrogandeira intensiva ou o monocultivo e o uso de agrotóxicos, a humanidade estará cada vez máis exposta ao contacto e á transmisión de enfermidades infecciosas de animais a humanos”.

Novo modelo de relación coa Terra

Segundo recolle a asociación nun comunicado, a crise provocada polo novo coronavirus debe constituír para as administracións públicas e privadas mais para as persoas “un punto de inflexión cara ao desenvolvemento dunha nova relación coa Terra, baseada no respecto, no amor e na complicidade, co obxectivo, non só de preservar a contorna, senón de garantir a nosa supervivencia como especie no planeta”.

Para Adega, esta nova relación coa Terra implica o abandono dun sistema económico que empurra ao consumo desmedido de bens e servizos e á procura do beneficio á costa da inxustiza social e ambiental.

Soberanía alimentaria

Contra ese modelo, avoga pola soberanía alimentaria e os circuítos curtos do comercio fronte á dependencia das grandes corporacións multinacionais, pola democratización dos servizos públicos fronte a súa privatización, polo fomento do transporte público e a bicicleta fronte aos vehículos a motor privados, pola preservación da biodiversidade e dos bosques fronte á deforestación e o control inxustificado de especies; pola redución de residuos e a súa reciclaxe fronte á incineración e os vertedoiros, polo autoconsumo, o aforro e a eficiencia enerxética e un maior investimento en saúde, ciencia e educación ambiental.

“Unha explosión de Amor pola Terra”

Ademais de con reivindicacións, Adega tamén celebrar o Día da Terra “cunha explosión de amor” nas redes sociais á que convidan a sumarse a todas as galegas e galegos.

Cadaquén pode expresar a gratitude que sente polo planeta coas súas palabras e facer fincapé nas achegas que considere máis simbólicas. Todas quedarán rexistradas a canda os 50 ecopoemas elaborados por socias e simpatizantes de Adega para simbolizar o seu Amor pola Terra.

Pódense ver xa nas súas redes sociais e a través dos vídeos recompilatorios que compartirán en Facebook, Twitter, Instagram e YouTube.