As 5 formas de facer ‘turismo de autor’ dentro da Galiza

Furna Furada, Carballo (Foto: Nós Diario).

Na Galiza, ademais da catedral de Santiago, da torre de Hércules, das murallas de Lugo, da ponte de Ourense ou da Pontevedra vella... hai outra vida, outra viaxe posíbel, que aquí agrupamos en cinco eixos que abranguen termas, arqueoloxía, exóticos pazos ou xardíns.

Na Galiza, hai vida alén da catedral de Santiago, da torre de Hércules, das murallas de Lugo, da ponte de Ourense ou da Pontevedra vella... Temos que fender ese outro tópico ou “paquete turístico” da Galiza das catro provincias, orixinado polo decreto de 1833 do Ministro de Fomento Francisco Javier de Burgos, para un Estado centralizado repartido en provincias.

Por iso, propoñemos a viaxe unindo os cabos históricos dun universo co que interaccionar para ofrecelo como se ofrecen os Países Baixos ou os Nórdicos.

Nas pegadas históricas do Reino de Galiza latexa o espírito animista, panteísta, soidoso, entre o cabo da vida e da morte, polo que comezar para interpretar un país de converxencias, rico en símbolos: o labirinto, a cuncha de Venus, o Grial, a estrela, a tumba, a frecha marela. 

Velaí a base desde a que empatar rutas de autor, creativas, personalizadas, para cada tempo e circunstancias. Itinerarios para bordar e interactuar, adubados de bioloxía, de historia, de cultura. Para agora, neste tempo do tópico de praias, bronceador e chiringuitos, proporíanse cinco grupos antolóxicos, de cinco e máis itinerarios, entre arqueoloxía, termas, exóticos pazos e xardíns co fin de enxergar quen somos na encrucillada do antes co despois.

 

1. Cinco camiños de Santiago e máis

Cunha orixe que se perde nas vías romanas, refeitas nun medievo para converxer nun dos centros da cristiandade, capital do Románico, Compostela: o camiño Francés que artilla o vello reino Galaico-Leonés, onde se fai imprescindíbel coñecer León, Astorga, Vilafranca, os misterios do Cebreiro, Samos, Melide... O Camiño Primitivo ou de Oviedo, pasando pola Fonsagrada, Lugo, Sobrado... O Camiño Portugués con Coimbra, Braga, Ponte da Lima, Pontevedra, Padrón... O Mozárabe ou Vía da Prata que desde Andalucía une Estremadura, Salamanca, Zamora, Seabra, Valdeorras, Ourense... E o Camiño Inglés, que parte desde portos como o de Ferrol, Neda, Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Bruma... E sempre coa presenza dun santuario, un mosteiro, un mesón.

 

2. Cinco Rexións vitivinícolas e máis

 O viño, o pan e o queixo poñen sabor e saber á terra: o Ribeiro cos cinco ribeiros dos cinco ríos, Miño, Barbantiño, Avia, Arnoia e Arenteiro; a rexión de Monterrei vixiada polo castelo con tanta transcendencia en historia das conquistas; a denominación Rías Baixas seguindo o Umia, desde Caldas de Reis a Cambados e nunha banda Vilagarcía. A Ribeira Sacra do Miño, do Sil, do Bibei... e a denominación Valdeorras.

 

3. Cinco rías cos seus cabos e máis

A beiramar de rías formadas por ríos: a de Ribadeo, a de Viveiro, Bares, Ortegal, Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña e as cinco clásicas e tópicas que se meten nos libros e na lenda nos dedos da man de Deus: Corcubión, Noia, Arousa, Pontevedra, e Vigo. Praias, cabos, faros, furnas, lendas, naufraxios, santuarios.

 

4. Cinco mosteiros e máis

País do triunfo do císter, do franciscanismo, humanizando co seu “ora et labora” o territorio: Caaveiro, Monfero, Sobrado, Oseira, Montederramo, Acibeiro, Oia, Melón... Complementados por enigmáticos santuarios: San Xiao do Trebo, Teixido, o Chamorro, os Milagres do Monte Medo, Amil, Franqueira, a Lanzada, o Tegra... e arredor deles romarías, coas súas danzas e ofrendas, nas que asoma a tradición do xantar.

 

5. Cinco montes e máis

Desde ermos que, co tempo, mudan o seu manto de cor a fragas espesas que esconden lagoas, fervenzas, penedas con formas estrañas: Os Ancares, Cebreiro, Manzaneda, Faro, Pena Corneira, O Suído, Seixo...

Centos de posibilidades, rutas de escritores co centro nas súas casas-museo, Rosalía, Pardo Bazán, Curros, Pondal, Valle-Inclán, Otero Pedrayo, Cela, Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Manuel María... Como Compostela hai moitas, a dos cóengos, a da feira, do mercado, dos estudantes... todas elas literarias e míticas.

Megálitos como o de Dombate e infindos máis; petróglifos máis alá do centro de interpretación de Campo Lameiro; confín dos verdes castros como o de San Cibrao das Las ou Viladonga; de santuarios e vilas romanas, suevas, castelos, faros, muíños, fornos... arqueoloxía industrial. Tanto que cadaquén se sentirá investigador.