48% dos sinistros mortais danse nas estradas da Xunta

Traballos de retirada do bus esta terza feira (Foto: RTVE).
As vítimas mortais por accidentes de tráfico non deixan de incrementarse na Galiza. A Dirección Xeral de Trafico (DXT) certificou 89 mortes na rede viaria galega no ano 2022. 48,8% dos sinistros mortais rexistrados nese exercicio producíronse en estradas de titularidade da Xunta da Galiza.

As cifras ofrecidas polos responsábeis de Tráfico do Ministerio de Interior para o pasado exercicio confirman un aumento de vítimas mortais nas estradas galegas. A este respecto, a estatística provisional da DXT, relativa ás mortes en vías interurbanas nas 24 horas posteriores ao accidente, recolle 42 falecementos nas estradas das comarcas coruñesas, 18 nas estradas das comarcas pontevedresas, 17 nas estradas das comarcas luguesas e 12 nas estradas das comarcas ourensáns.

Os datos do Imelga

Os números fornecidos pola DXT son parciais, ao referirse só as mortes rexistradas nas 24 horas posteriores ao sinistro. Neste caso, faltan por coñecer as cifras achegadas para 2022 polo Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), órgano dependente do Goberno galego, que ofrece a cifra de falecementos nos 30 días posteriores ao accidente. Así, en 2021 o Imelga rexistrou 113 mortes fronte ás 79 da DXT e, en 2019, o Imelga informou de 131 fronte a 89 da DXT, polo que é de agardar que a proporción sexa semellante para 2022.

48,8% das vítimas mortais rexistráronse en vías de competencia da Xunta da Galiza malia representar 31,2% das estradas totais da Galiza. Neste sentido, o deputado do BNG Luís Bará denunciou onte na comisión primeira da Cámara galega que “a porcentaxe de sinistralidade na rede autonómica é bastante alta e pon de manifesto o fracaso das políticas que se levan a cabo neste asunto”.

Asemade, demandou ao Executivo que, “fronte ao triunfalismo hai que practicar a prudencia e, fronte á propaganda, practicar as propostas, pondo o foco en todas as realidades”.

RACE

Os riscos das estradas galegas veñen sendo obxecto de denuncia nos últimos anos desde diversos ámbitos. Así, o Real Automóbil Club de España (RACE), no seu informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado para 2022, advirte de que sete trazados viarios da Galiza atópanse entre os 20 máis perigosos do Estado, até sumar 35% do total.  A maiores, tres deles están cualificados de “risco alto” por superar os 90 puntos no índice de tramos perigosos. A este respecto, ningún territorio do Estado español supera o número de traxectos considerados de risco extremo presentes na rede de estradas da Galiza.

Estado de conservación

O estudo conclúe sinalando que os accidentes na Galiza están moi ligados ao estado das estradas. O traballo destaca a concentración de accidentes naqueles tramos con peor visibilidade, coa situación do firme máis deficiente, con ausencia de dobre carril ou dado o peralte das curvas.

Na mesma dirección, é significativo que ningún tramo de autoestrada ou autovía figure entre os traxectos perigosos do Estado e da Galiza, o que explica que aquelas zonas con escasos quilómetros de estradas convencionais como Euskadi ou Madrid son as que menos accidentes mortais rexistran.