46.653 persoas agardan por unha cirurxía na Galiza

O tempo medio de agarda en cirurxía aumentou en 25% desde antes da pandemia. (Foto: Europa Press)

46.653 persoas agardan por unha cirurxía no sistema sanitario galego, o que representa 17,3 doentes nesa situación por cada 1.000 habitantes. O número de pacientes en lista de agarda tense incrementado no último ano en perto de 15,4%. Asemade, os tempos de espera xa chegan a 75 días.

 

As listas de agarda son o principal motivo de queixa dos doentes co Servizo Galego de Saúde (Sergas). O tempo de espera converteuse nunha das principais causas de protesta da cidadanía en relación coa asistencia sanitaria. Neste sentido, os colectivos en defensa da sanidade pública denuncian o incremento do período de agarda e advirten da situación das persoas incorporadas ás listas de agarda non estrutural.

O Ministerio de Sanidade vén de facer públicos os datos da listas de agarda na Galiza. Os mesmos, na liña do avanzado polas organizacións sindicais do ámbito sanitario certifican un notábel incremento nos primeiros seis meses de 2022. Así, 46.653 persoas agardaban por unha intervención cirúrxica a xuño de 2022, 3.359 máis que no último semestre do pasado ano.

As listas de agarda sitúanse en máximos históricos. A este respecto, as cifras do primeiro semestre do ano 2022 superan todas as anteriores, colocándose por diante das referidas ao período da pandemia e superando en máis de 10.000 persoas as de 2020. Neste caso, asístese a un crecemento continuado das listas desde 2014.

As listas de espera publicadas polas autoridades sanitarias recollen só unha parte dos doentes que agardan por unha cita en Atención Especializada. Neste sentido, o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en conversa con Nós Diario, sinala que “seguen maquillando as listas de agarda ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”.

Martín apunta que “o número real de persoas en lista de agarda pode ser de entre 30% e 60% superior ao recollido nos datos oficiais da Xunta” e lembra un estudo elaborado polo seu colectivo en 2019 que “situaba en 17.000 ou 18.000 as persoas nesta situación na área sanitaria de Vigo”.

“A realidade das listas”, continúa Manuel Martín, “coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida. A media de tempo dun doente desde que acode á Atención Primaria por un problema achégase a 200 días, dado que hai que sumar o tempo da primeira consulta en Atención Especializada, das probas diagnósticas e da agarda para cirurxía”.

Listas non estruturais

O trato ofrecido polo Sergas a doentes incorporados ás listas non estruturais ten sido denunciado pola propia Valedora do Pobo. Neste sentido, Dolores Fernández Galiño sinala no seu informe de 2020 “a particular situación daqueles doentes que, estando na lista de agarda estrutural para ser intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade tres, rexeitaban a oferta dun centro concertado. Estes doentes -ao rexeitar o centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía".