O paso da borrasca 'Celine' deixou na Galiza estas 456 incidencias durante a fin de semana

Unha muller tenta evitar que o seu paraugas saia disparado, en Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Os concellos que sumaron máis intervencións do 112 foron Vigo, Pontevedra, Nigrán, Soutomaior, A Coruña, Santiago de Compostela, Ponteceso, Boiro, Ribeira, Palas de Rei, Foz e Ourense.

As intensas choivas e fortes ventos que deixou a borrasca Celine durante toda a fin de semana na Galiza provocaron un total de 456 incidencias en toda Galiza nas que tiveron que intervir os servizos de emerxencias. Segundo informaron desde o 112, a maior parte das intervencións estiveron motivadas pola caída de árbores, inundacións en estradas e rúas e accións para evitar riscos derivados desta situación climática.

Os concellos que sumaron máis intervencións foron Vigo, Pontevedra, Nigrán, Soutomaior, A Coruña, Santiago de Compostela, Ponteceso, Boiro, Ribeira, Palas de Rei, Foz e Ourense. Sobre a tipoloxía das incidencias, a maioría estiveron relacionadas coa caída de árbores (184), inundacións en estradas e rúas (85), inundacións en baixos e garaxes (17) e en vivendas (14). Tamén destacaron algunhas accións dos equipos de emerxencias para evitar riscos (54), e o 112 atendeu cinco chamadas por embarcacións que se soltaron do amarre sen máis consecuencias.

Ventos de máis de 100 km/h

Durante esta madrugada rexistráronse refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora en localidades como Cedeira (Ferrolterra), que notificou un refacho de 107,7 km/h na estación de Punta Candieira ás 4.20 horas. Ademais, no Penedo do Galo, en Viveiro (A Mariña), alcanzáronse ventos de até 95,3 km/h.

No interior, a estación do Xistral, no municipio chairego de Muras, rexistrou refachos de vento de case 110 km/h, mentres que en Carballeda de Valdeorras superaron os 97 km/h.

Alertas

Para este domingo, Meteogalicia xa advertira dunha xornada de inestabilidade, con tempo cambiante, pero en xeral por baixo de niveis de aviso, excepto no litoral, onde as ondas continuarán superando os catro metros.

Mentres, a Aemet activou para a xornada dominical un aviso amarelo por precipitacións fortes ou persistentes na metade sur da Galiza. Por fenómenos costeiros, a alerta será laranxa en todo o litoral do país.

A choiva non remite

Para esta segunda feira, prevense de novo precipitacións na Galiza que de forma máis débil, e de oeste a leste, percorrerán case todo o resto da Península. Estas choivas poderán ser localmente fortes ou persistentes no oeste e norte do país, e non se agarda que remitan ao longo do día.

As temperaturas tampouco mudarán demasiado. No caso do vento, predominarán os do oeste e suroeste na Península, con intervalos de vento forte no litoral da Galiza.