En 45 anos ardeu 56% da Galiza

Un veciño onte, nunha casa destruída polas chamas en Folgoso do Courel. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
1,7 millóns de hectáreas queimadas desde finais dos 60 até agora.

Desde o ano 1968 ardeu unha superficie equivalente a case 56% da Galiza, 1,7 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego. A porcentaxe, extraída da estatística que elabora anualmente o Ministerio de Agricultura, ten o punto de partida nese ano de finais da pasada década dos 60 e esténdese até a actualidade.

Malia o que poida parecer polos incendios que asolan o leste da Galiza nestes días, estes anos non están a ser os de maior número de hectáreas afectadas polas chamas. Hai dous anos que destacan, e con diferenza, por riba do resto da serie histórica. Un, 2006, con máis de 95.000 hectáreas arrasadas por centos de incendios, que afectaron desde Barbanza até Valdeorras, da Mariña até Verín. Foron perto de 2.000 lumes, dos que 35 foron dos denominados GIF —Grandes Incendios Forestais, aqueles que queiman máis de 500 hectáreas—.

O outro ano cun alto número de incendios foi 1989, cando as hectáreas arrasadas abeiraron as 200.000, unha extensión equivalente á suma das comarcas da Terra Chá e do Salnés. Houbo ese ano  máis de 8.000 incendios por toda a Galiza.

O ano pasado arderon 4.400 hectáreas en 954 lumes forestais. A cifra de hectáreas queimadas vén de se multiplicar por catro nos incendios polo territorio galego destes días. O ano anterior, 2020, arderan 14.800 hectáreas e o anterior, 2019, menos de 7.000.

Concentración

Porén, en 2017 a superficie arrasada polas lapas foi de 60.000 ha. Mais ese ano a peculiaridade foi que 80% desa extensión ardeu en apenas dous días en outubro, con grandes lumes en Ponteareas, Melón e As Neves.

Un estudo internacional publicado en 2020 e no que colaborou profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situaba a Galiza como o territorio europeo con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década. O traballo en Agroforestry Systems tamén incidía que as tarefas agrícolas e forestais reducen o risco de incendios, para alén de favorecer un uso sostíbel da terra. Un discurso que volve coller relevancia a raíz dunha nova vaga de incendios que reabre o debate sobre o territorio e os seus usos.

Distrito forestal XIV

Non arde en toda a Galiza igual. Hai zonas máis golpeadas polos lumes forestais,  onde as chamas fan presenza todos os anos e de maneira reiterada.

Unha desas áreas é o distrito forestal XIV Verín-Viana, onde na década comprendida entre 2007 e 2018 arderon perto de 44.000 hectáreas de terreo, converténdoo no máis afectado polos incendios dos 19 distritos nos que se divide a Galiza. Foron, neses anos, máis de 5.000 lumes forestais os que se produciron nese enclave.

Uns datos que se repiten desde inicios de século nunha área que concentra grandes incendios forestais, unha espiral que acelera coa marcha da poboación e mais a degradación do territorio.

Na Galiza, tamén neste distrito, máis de 90% dos incendios non teñen orixe natural, mais non todos son intencionados.