43% dos médicos de Atención Primaria superan os 60 anos

Concentración de SOS Sanidade Pública O Grove diante da sede da Xunta en Compostela, a pasada sexta feira. (Foto: Arxina)

A Atención Primaria enfronta unha situación límite na Galiza. Neste sentido, os propios informes elaborados polo Ministerio de Sanidade sitúan os centros de saúde galegos entre os peor dotados do Estado. A elevada media de idade do colectivo médico apunta a un empeoramento da calidade asistencial.

O envellecemento dos cadros de persoal dos centros de saúde da Galiza é un feito. Segundo os últimos datos achegados polo Ministerio de Sanidade para o conxunto do Estado, correspondentes a 30 de xuño de 2021, a Atención Primaria galega conta con 2.501 facultativos e 810 deles, 32,4% do total, son menores de 50 anos, superando esa idade 1.691, isto é, 67,6% do persoal.

1.083 médicos de Primaria máis de 60 anos

1.083 médicas e médicos que desenvolven a súa actividade profesional nos centros de saúde galegos son maiores de 60 anos, representado 43,3% do conxunto do colectivo. A este respecto, as cifras procedentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) indican que 15,9% das e dos facultativos de Atención Primaria superan os 64 anos de idade, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre 69 e 66 anos e 169 ten 65 anos. Na mesma liña, certifican que no grupo de idade de entre 63 e 64 anos atópanse 14,4% das médicas e médicos do primeiro nivel sanitario, situándose 211 en 64 anos e 174 en 63.

O persoal médico dos centros de saúde da Galiza é do máis envellecido do Estado. Só Castela e León presenta uns datos peores, tras superar 49,9% dos seus facultativos de Atención Primaria os 60 anos. Nesta dirección, a porcentaxe media de persoal médico do Estado maior de 60 anos é de 33,2%, se ben en Catalunya só significa 19,7% do total e en Euskadi 29%.

Enfermaría

A especialidade de enfermaría atópase nunha situación semellante. O Instituto Galego de Estatística (IGE) certifica 2.316 enfermeiros e enfermeiras en activo na Atención Primaria galega no exercicio de 2021. Neste caso, o Sergas sinala que 228 enfermeiros e enfermeiras superan os 65 anos de idade, con tres en 70 anos, 65 na faixa de 69 a 66 e 160 en 65. Asemade, 15,3% atópanse no grupo de idade de entre 63 e 64 anos, con 162 profesionais en 64 anos e 193 en 63 anos.

A política da Xunta

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “estas cifras reflicten unha realidade preocupante xa que en cinco ou seis anos o número de médicos de Atención Primaria poden ficar na metade, se non hai melloras nas condicións de contratación e non se incrementa o número de prazas de médicos internos residentes (MIR)”.

A este respecto, lembra que “un médico de familia tarda catro anos en formarse como MIR e seis en formarse como médico, polo que as previsións semellan non ir na dirección de reforzar os cadros de persoal dos centros de saúde”.

Fuga de persoal médico

Manuel Martín entende que “o problema non é de falla de médicos, de feito desde 2010 máis de 1.200 profesionais abandonaron Galiza, senón das políticas da Xunta de suprimir prazas, non cubrir as vacantes e precarizar as condicións laborais”.