eNTREGADAS NO PARLAMENTO

42.000 sinaturas na defensa dos bosques autóctonos e contra a “eucaliptización” de Galiza

Entidades e colectivos promotores da ILP presentan as sinaturas no Parlamento Galego. É a iniciativa lexislatura popular de natureza ambiental máis apoiada da historia do autogoberno galego

Na mañá desta sexta feira entregáronse no Parlamento de Galiza un total de 42.328 sinaturas, firmas recollidas ao longo destes meses en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular ‘para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais’ Os promotores da iniciativa salientan que se trata da ILP de natureza ambiental “máis apoiada na historia do noso autogoberno, superando en sinaturas recollidas á ILP en defensa dos ríos (aprobada en 2006) e a máis recente a favor da reciclaxe (rexeitada en 2013

 

A ILP dos bosques acadou xa un dos seus obxectivos, indican: “Implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades en defensa dos nosos bosques”.

 

Destacan tamén que tamén se conseguiu levar á rúa un debate que até o agora semellaba tabú, sobre todo en ámbitos rurais: o monocultivo do eucalipto como problema de país. “Conseguiu remexer conciencias de aquí e de acolá, chegando a situar a problemática forestal galega nas axendas políticas locais, do estado e da UE”.

 

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chega ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición “que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas”.

 

A comisión promotora da ILP está formada por Alianza por un Rural Galego Vivo (CIG, Adega, Organización Galega de Mancomunidades de Montes e Fruga) e Cousa de Raíces (conformada por máis de 60 colectivos.