Os 41.800 casos activos de Covid na Galiza marcan un novo récord

Fileira para facer unha proba PCR en Vigo o pasado 23 de decembro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Profúndase a expansión da Covid-19 na Galiza, que marca por noveno día consecutivo o récord absoluto de casos activos desde o comezo da pandemia.

4.891 novos casos activos de coronavirus na Galiza e 5.861 novos contaxios, revelan os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade recollidos entre as 18 horas da cuarta feira e as 18 horas da quinta feira, que elevan o número total de infeccións activas a 41.800, o que supón unha nova marca no país por noveno día consecutivo.

A nivel mundial a expansión da Covid-19 tamén está en cifras récord, con máis de 1,3 millóns de contaxios a quinta feira, o que supón un 40% máis que a marca anterior, salientou a Organización Mundial da Saúde (OMS).

A área sanitaria de Vigo suma o maior número de casos, con 10.403, seguida pola de Compostela, con 7.936, e a de Coruña, con 7.466. Pola súa parte, a área sanitaria de Pontevedra alcanza os 5.581 casos activos, 4.423 a de Ourense, 3.556 a de Lugo e 2.435 a de Ferrol.

A meirande parte das persoas afectadas están nos seus domicilios, até 41.480, mentres que 50 están sendo tratadas en Unidades de Coidados Intensivos e 270 persoas en unidades de hospitalización, unha menos ca onte.

Catro falecementos

Con respecto ao último reporte de Sanidade, catro persoas con coronavirus perderon a vida, o que eleva o número de falecementos desde o comezo da pandemia a 2.764.

Amais, informa de que foron efectuadas desde comezos de 2020 3.308.201 de probas PCR, o que non evitou o colapso na realización destas probas nas últimas semanas, tras a combinación da aparición de Ómicron coa chegada das festas e o aumento da interacción social.

Na última xornada efectuáronse 17.752 probas PCR, cunha taxa de positividade do 32,07%, moi por riba do 5% que determina a OMS para considerar a pandemia como controlada.

Incidencia desbocada

Os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, que corresponden á pasada cuarta feira, sitúan a incidencia acumulada na Galiza en 1.408,09 casos por cada 100.000 habitantes.

No que atinxe ao proceso de vacinación, foron aplicadas 5.849.137 de doses dalgún dos compostos aprobados contra o SARS-CoV-2, con 87,28% da poboación galega coa pauta completa e arredor da metade cunha dose de reforzo.