40% de ingresos pola Covid corresponde a persoas novas

Núñez Feixoo alertou a mocidade de que está en risco de supervivencia. (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, considera "moi drástico" recuperar o toque de recoller. No entanto, demanda a colaboración e o esforzo dos concellos no fechamento nocturno de parques e xardíns.

O grupo poboacional de entre 15 e 39 anos concentra dous de cada tres casos de coronavirus na Galiza, mentres que 40% dos ingresos hospitalarios tamén está por baixo dos 39 anos. Estas cifras púxoas hoxe de relevo o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para lanzar unha contundente mensaxe: "A xente nova tamén está en risco de supervivencia", aínda que "menos que a xente maior".

O mandatario galego fixo especial fincapé ás mozas e mozos para que acudan aos cribados cando son chamados. De feito, sinalou que ao contactar con persoas que estiveron nun local onde se rexistrou un positivo, está a ser moi "escasa" a asistencia aos cribados, cuestión que "preocupa".

Feixoo advertiu de que o feito de non acudir aos cribados "porque algúns non se queren diagnosticar" pon "en xogo" os postos de traballo do lecer nocturno e a saúde de moitas persoas. Tamén apuntou que está sobre a mesa a economía e a imaxe do turismo da Galiza como "destino seguro".

Ademais, avanzou que esta sexta feira a Xunta manterá unha reunión con representantes do lecer nocturno para falar das novas medidas que van entrar en vigor. Entre elas destaca a necesidade de ter unha PCR negativa ou un certificado de vacinación para acceder aos estabelecementos.

Santiago non precintará todos os seus parques

Feixoo recordou que a medida de fechar pola noite espazos en que se realizan botellóns, como parques e praias, para frear os contaxios na mocidade é unha disposición do Comité Clínico que asesora a Xunta, e que está publicada e é de obrigado cumprimento.

Así respondeu na súa comparecencia desta quinta feira, após a reunión semanal do Consello da Xunta, ao ser preguntado pola prensa a respecto da negativa do Concello de Santiago de Compostela a precintar todos os seus parques e prazas en horario nocturno por considerar que non é "viábel".

Compostela é "unha das cidades de Europa con maior cantidade de parques no seu centro urbano", alegou o concelleiro de Seguridade Cidadá na capital, Gonzalo Muíños. 

Para o edil tanto a vixilancia policial como o fechamento dalgunhas zonas como o parque de Bonaval "é suficiente polo de agora". O presidente do Executivo galego pediu un esforzo aos gobernos locais. En todo caso, considera que retomar o toque de recoller sería unha medida "moi drástica", se ben entende que haxa outros territorios que recorran a esa limitación.

Medalla á vacinación

O Consello da Xunta resolveu tamén recoñecer o traballo das e dos profesionais sanitarios implicados na vacinación coa Medalla da Galiza, na súa categoría de ouro, e que será entregada o próximo 24 de xullo. 

Entre as e os profesionais a galardoar, están os equipos especiais de enfermaría que dirixen e coordinan o proceso, as e os enfermeiros e celadores que organizan o dispositivo, aqueles que se encargan do sistema informático e dixital do rexistro e policías e voluntariado que participan no proceso.

Plan Renove

Noutra orde de asuntos, o Consello da Xunta decidiu conceder 20.272 axudas a través do programa Renove Electrodomésticos, o que permitirá a fogares galegos "un aforro anual de 560.000 euros na súa factura enerxética", segundo sinalou Feixoo.

Tamén acordaron unha liña de 48,5 millóns de euros até o ano 2022 dirixida a realizar cursos de formación co obxectivo de "ampliar as oportunidades laborais de 19.000 persoas desempregadas".  

Finalmente, o Consello do Goberno galego tamén deu luz verde a un gasto de 6 millóns de euros para incrementar en 55 as prazas residenciais de maiores financiadas pola Xunta nos concellos de Lobios, Parada de Sil e Palas de Rei.