Sanidade pública | Vídeo

O testemuño de Verónica, filla dunha transplantada bipulmonar que agardou até 40 horas en Urxencias: "É inadmisíbel"

Verónica T.G., filla dunha paciente transplantada bipulmonar que permaneceu 43 horas en Urxencias, narra a súa experiencia. (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)
"A falta de información sobre o estado de saúde da miña nai e a mala xestión da súa situación dentro do hospital provocaron que pasara dúas noites en observación, podendo chegar a ser tres de non ser porque a desesperación foi tal que nos levou a reclamar ante a xerencia", lamenta esta muller.

Verónica T.G. é a filla dunha muller transplantada bipulmonar que pasou 40 horas nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. O seu testemuño, aseguran desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, quen o difundiron esta cuarta feira aos medios de comunicación a través dun vídeo, "explica por que os pacientes do servizo de Urxencias do CHUS rematamos aparcados nos corredores de acceso, en moitos casos durante horas, en padiolas e cadeiras de rodas soportando a violación dos nosos dereitos fundamentais e padecendo a gravidade da doenza que nos levou até alí".

Desde este colectivo, que leva anos alertando da saturación do servizo, afirman que cando os facultativos de Urxencias asinan o ingreso en planta dunha persoa que foi atendida previamente neste mesmo servizo "quere dicir que o seu estado de saúde xa non require atención urxente, senón que precisa un entorno e unha atención médica e de coidados que só poden ser proporcionados polo persoal de planta".

Unha persoa enferma que, como no caso da nai de Verónica, permanece máis de 40 horas en Urxencias, das cales arredor de 18 estivo en observación e unhas 22 horas agardando por unha cama, "quere dicir que non está sendo atendida de conformidade coas recomendacións e estándares de calidade das unidades hospitalarias de atención urxente" publicadas polo Ministerio de Sanidade no ano 2010, unha guía que hoxe segue a ser "referencia fundamental" para dar cumprimento ao principio de "calidade dos servizos e a mellora continua, con énfases especial na calidade da atención clínica e da organización dos servizos, nunha atención personalidade e humanizada…", recollido na Lei saúde da Galiza.

"A saturación do servizo obriga á miña nai, como lles acontece a moitos outros pacientes, a soportar longas esperas nos corredores, non sendo este o espazo idóneo para manter unha persoa enferma", denuncia Verónica, que, se ben afirma que todo o persoal das Urxencias "trata de dar resposta ás necesidades de pacientes e familiares", a súa "sobrecarga" provoca situacións como a súa.

"A falta de información sobre o estado de saúde da miña nai e a mala xestión da súa situación dentro do hospital provocaron que pasara dúas noites en observación, podendo chegar a ser tres de non ser porque a desesperación foi tal que nos levou a reclamar ante a xerencia", conta, e conclúe que é "inadmisíbel" ter que estar "loitando" para que "se respecte os dereitos que temos como pacientes".

De acordo cos referidos estándares de calidade, as e os pacientes non deben permanecer máis de 4 horas na unidade, nin máis de 24 horas na sala de observación, e o tempo que transcorre entre a sinatura do ingreso en planta e a ocupación da cama non debe ser superior ás 4 horas.

"Cando os tempos de permanencia exceden destes límites temporais quere dicir que non se están xestionando adecuadamente as camas hospitalarias e que non se poñen a disposición dos pacientes no momento en que son requiridas polo persoal facultativo", censura a asociación. O resultado disto, lamentan, son "pacientes graves nos corredores, demandantes de atención urxente, que non son atendidos no momento requirido porque as zonas de traballo están ocupadas por persoas que xa non precisan esa atención".

Para a Asociación de Pacientes, isto constitúe a comisión dunha "fraude de lei", ao "empregar as instalacións para unha finalidade distinta da que prevee o ordenamento xurídico", e nomeadamente do artigo 52.3 do citado texto legal, que expresamente indica que "a atención urxente préstase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obriga a unha atención sanitaria inmediata".

Todo isto, que para o colectivo denunciante ten "responsábeis con nomes e apelidos", nomeando a xerente da área sanitaria, Eloina Núñez —curmá de Alberto Núñez Feixoo— e o xefe do servizo, Plácido Mayán, "non acontece en momentos puntuais ou imprevistos", senón que se produce "ao longo de todo o ano, con maior o menor intensidade durante as vagas de gripe, coa intención premeditada e consciente de normalizar o maltrato asistencial e converter os servizos de urxencias nun limbo asistencial no que permanecemos os pacientes sen recibir a atención que precisamos".