Ratificada a condena de 40 anos de prisión para o home que asasinou a irmá e a sobriña en Soutomaior

Miguel G. R., no xuízo decorrido o pasado ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O TSXG desestima o seu recurso, no que alegara que actuou en "lexítima defensa" e movido por un "medo insuperábel" cando disparou á queimarroupa ás vítimas, que foran ao seu domicilio para reclamarlle unha escaleira.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso de apelación e confirmar a condena de 40 anos e 2 meses de cárcere para Miguel G. R., por matar a súa irmá e a súa sobriña disparando cunha pistola, en agosto de 2020, en Soutomaior. A defensa do procesado alegou, na vista decorrida o pasado 9 de xaneiro, que actuara en "lexítima defensa" e movido por un "medo insuperábel", xa que fora agredido pola irmá e a sobriña cando estas foran á súa casa a recuperar unha escaleira que o home tomara prestada.

Aliás, o condenado tamén pediu que se rebaixase a pena tendo en conta a atenuante de confesión, e pediu que a relación de parentesco coas vítimas fose considerado como atenuante e non como agravante, debido á "malísima relación" coa súa irmá e a súa sobriña.

Na súa resolución, o alto tribunal galego desestima estes argumentos e expón, por unha parte, que non hai probas de que as vítimas atacasen cunha aixada e un machete, xa que non se probou que os apeiros fosen delas e o acusado non tiña feridas compatíbeis coa suposta agresión.

O TSXG ve tamén correctamente aplicadas as agravantes de aleivosía e parentesco, e descarta que se poida rebaixar a pena por confesión, xa que Miguel G. R. agochou a arma do crime e hai indicios de que manipulou a escena. Finalmente, determina que "non existe o mínimo indicio de que o acusado padecese tal medo insuperábel".

Feitos e condena

Os feitos polos que foi xulgado este veciño de Soutomaior remóntanse ao 21 de agosto de 2020 cando, á primeira hora da tarde, a súa irmá Genoveva e a súa sobriña Noelia acudiron á infravivenda na que habitaba o acusado para reclamarlle unha escaleira. Alí, o home colleu unha pistola automática de calibre 9 mm, para a que non tiña licenza, e disparou practicamente a queimarroupa ás vítimas, sen que tivesen posibilidade de defensa.

Miguel G.R. foi xulgado por un tribunal de xurado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra —con sede en Vigo— en maio do ano pasado, e foi condenado a penas que suman 40 anos e 2 meses de cárcere, por dous asasinatos e un delito de tenencia ilícita de armas. A sentenza tamén lle impuxo indemnizacións que superaban os 257.000 euros a tres familiares das falecidas.