39 accidentes de caza entre 2007 e 2020 deixan 5 mortos e 24 feridos graves

A Fundación Franz Weber sinala que no mínimo 19 incidentes non notifican se houbo persoas feridas ou non.

A Fundación Franz Weber cifrou en 39 os accidentes de caza producidos na Galiza no período 2007-2020. Segundo a asociación naturalista, houbo 59 incidentes, con ou sen persoas damnificadas, nos que polo menos cinco persoas faleceron, 24 sufriron lesións graves e 10 de carácter leve. Ademais, sinalou que polo menos 19 incidentes non notifican se houbo persoas feridas ou non.

No conxunto do Estado español, asegurou que o número de vítimas mortais ascende a 63, coa excepción de Cataluña e Euskadi, mentres que as persoas feridas serían 483.

Así, a Fundación Franz Weber destacou que "ningún deporte nin actividade ao aire libre xera tal nivel de vítimas mortais, polo que insta as autoridades a comezar a establecer controis adicionais á caza".

Así, demandou a xeneralización dos controis de alcoholemia e calquera outra substancia estupefaciente a cargo dos Axentes Medioambientais, reducindo deste xeito carga de traballo á Garda Civil, así como un maior labor inspector para renovar calquera licenza de caza.

De forma paralela, os naturalistas insistiron en afastar a calquera menor de idade das cacerías dado o "risco real que existe para a súa integridade física e psíquica".

A organización estima, ademais, que cada cazador verte aos montes galegos, cada tempada de caza, perto dun quilogramo de chumbo, que correspondería a unha media de 30 disparos con diferentes pesos de municións.