38 doentes con ingreso en planta asinado amoreados nos corredores do CHUS

Colapso esta terza feira no CHUS (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).

As urxencias hospitalarias continúan colapsadas na práctica totalidade das áreas sanitarias galegas. Unha caso paradigmático disto vívese no CHUS de Compostela.

As denuncias polo situación das urxencias no Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) continúan. A  Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS volta a denunciar o acontecido onde no complexo sanitario.

O colectivo sinala que “o día 15 de decembro ás 17:00 horas 22 pacientes graves estaban colocados nos corredores de acceso e arredores en padiolas e cadeiras de rodas agardando a ser atendidos por algún médico”. Ao tempo, as cousas non ían mellor  “38 doentes con ingreso en planta asinado que permanecía amoreados nos corredores”.

A entidade asegura que “as 18:00 horas os pacientes graves nos corredores eran 24 e a unha da madrugada do día 16 seguían sendo 20”. Na lista destes datos, advirten da existencia dun problema estrutural.

A  Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS considera que “os servizos de urxencias mantéñense permanente colapsados porque a xerencia non axiliza nin da prioridade a apertura de camas para os pacientes pendentes de ingreso”.

A organización culpa da situación a xerencia da área sanitaria de Compostela por persistir “nunha pertinaz política de mirar cara outra parte que atenta contra os pacientes e obstaculiza gravemente a tarefa asistencial de facultativos e persoal de enfermaría”.

Camas fechadas no Xil Casares

O colectivo lembra que “foron atendidas no servizo 549 persoas durante as últimas 24 horas e o nivel de ocupación das camas tan só acadou o 50 por 100” e critica que “a xerencia mantén fechadas 73 camas do hospital Xil Casares”.

A entidade en defensa da sanidade pública asegura que “a gravidade da situación resulta alarmante por canto con estes niveis de demanda o colapso deixa de ser un incidente que se resolvía ao longo de 24 horas para converterse nunha circunstancia de duración incerta”.

A asociación responsabiliza da situación a “estratexia das autoridades sanitarias de querer negar a maior, dicindo que non é certo o que vemos cos nosos ollos e, mantendo isto no tempo, tratar de habituarnos a unha anomalía ata que se asuma como a normalidade”.