37% das infeccións de transmisión sexual dáse en menores de idade

Unha imaxe do congreso que decorre na Coruña.
En 17% dos casos hai máis dunha ITS.

37% das infeccións de transmisión sexual (ITS) danse en menores de 18 anos e 17% de casos teñen polo menos unha coinfección. Esta é unha das conclusións da investigación presentada na Coruña no marco do XIV Congreso GeSida (Grupo de Estudo da Sida da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica) que reúne na cidade herculina ducias de profesionais e expertos até mañá, cuarta feira, día 29.

Esta investigación  multicéntrica, que se realizou a través da colaboración e participación de diferentes hospitais ao longo do Estado, ten como base unha mostra de 529 casos diagnosticados entre 2018 e 2022 e segundo o cal as infeccións de transmisión sexual diagnostícanse "a idades precoces, con independencia do sexo biolóxico ao nacemento e a orientación sexual". En concreto, en canto á idade, dos 529 episodios analizados, 20 (case 4%) déronse entre menores de 15 anos; 176 (máis de 33%), entre adolescentes de entre 15 e 17 anos; e 333 (case 63%), entre adolescentes de entre 18 e 19 anos de idade.

VIH, sífilis e gonorrea asociáronse "maioritariamente" a adolescentes homes, en 81%, 67% e 72% dos casos, respectivamente, mentres que o virus herpes simple (VHS) e micoplasma xenital asociáronse "con maior frecuencia" a mulleres adolescentes en 77%, 86% dos casos, respectivamente.

Case 53% dos casos foron diagnosticados en homes. Aínda que en 30% non se informou sobre a orientación sexual, 40% asegurou ser heterosexual, 20% homosexual e 3% bisexual.

Evolución

No congreso que decorre tes días na Coruña os expertos coincidiron en que grazas ao uso de antiretrovirais a SIDA pasou de se considerar unha enfermidade mortal a ser unha patoloxía "crónica e manexábel" mais que, a diferenza do que acontece coa hepatite C, "non existe un tratamento que a cure".

A media de idade ao diagnóstico de VIH é de 36 anos, sendo lixeiramente máis novos os homes que as mulleres (36 fronte a 38). En 2021 no conxunto do Estado español diagnosticáronse 2.786 casos de SIDA. Na Galiza a cifra nese exercicio foi de 129 casos diagnosticados, o que supón un aumento importante a respecto dos rexistrados no  exercicio anterior, 2020, cando foran 105.