36.281 persoas deixaron de nacer desde 2009 no país pola emigración xuvenil

emigracion aeroporto mocidade. (Foto: Nós Diario).
A taxa bruta de natalidade (número de nacementos vivos dunha poboación por cada mil habitantes nun ano) observou un devalo continuado na última década

A Galiza perdeu 107.089 habitantes desde 2009. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o país contaba con 2.796.089 habitantes en 2009, ano da chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta, rexistrando a 1 de xaneiro de 2022, 2.689.000 residentes. A poboación galega reduciuse neste período en 3,82% mentres no conxunto estatal incrementou en 2,04%, sumando 948.976 persoas máis.

A totalidade das variábeis demográficas no país presentan indicadores negativos. Así, por exemplo, a taxa bruta de natalidade (número de nacementos vivos dunha poboación por cada mil habitantes nun ano) observou un devalo continuado na última década, caendo de 8,14% en 2009 a 5,65% en 2020. Mentres, a taxa de mortalidade (proporción de defuncións respecto á poboación total nun ano) subiu de 10,90‰  a 12,17%  no mesmo período, resultando un saldo vexetativo negativo. Ao tempo, a idade media incrementou en 3,1 anos entre 2009 e 2021.

O índice de envellecemento non deixou de medrar desde 2009. Se nesa anualidade, situouse en 176,94 puntos fronte aos 105,26 da media estatal, á volta de 2021 chegou a 207,31 puntos, é dicir, 78,4 por riba do conxunto do Estado español. Na mesma dirección, a porcentaxe de maiores de 65 anos medrou en 3,2 puntos desde 2011, alcanzando 25,37% do total da poboación galega en 2021. 

Perspectivas negativas

As perspectivas de futuro non son mellores. Segundo recolle a última proxección demográfica do Instituto Nacional de Estatística (INE), a Galiza perdería 165.602 habitantes nos vindeiros 13 anos. Así, nas súas previsións para 2035, a poboación galega reduciríase en 6,6%, pasando dos 2.689.000 residentes na actualidade a 2.523.398 en 2035. 

As tradicionais proxeccións demográficas do INE son moi consideradas no ámbito científico e académico, sinalando a Nós Diario o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois que “estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.

As previsións do INE para a Galiza contrastan coas do Estado español. Segundo o INE, a poboación española aumentaría nese mesmo período en 954.497 habitantes, superando os 48.284.000 en 2035 e achegándose a 50.600.000 en 2070.

Madrid sería o territorio onde máis aumentaría o número de residentes, pasando dos 6.747.425 da actualidade a 7.361.414 en 2035, representando unha alza de 9,1%. O INE tamén prevé importantes crecementos nas Illes Balears e Canarias con subas de 14,9% e 8,4%.

As causas do devalo demográfico da Galiza

A emigración explica o devalo demográfico da Galiza nas últimas décadas. Así, o profesor da Universidade de Santiago Isidro Dubert destaca  que “as implicacións da emigración son moito máis graves que as do de avellentamento”. Dubert sinala que a marcha da mocidade “constitúe unha notábel perda demográfica para un país no que as actuais xeracións de xente nova son moi pequenas a causa do impacto combinado das emigracións pasadas, do remate da transición demográfica e da modernización social acaecida tras 1975.

Unha marcha, polo demais, non compensada pola inmigración de retorno, composta na súa meirande parte por persoas xubiladas que pouco poden achegar no plano produtivo ou demográfico”.

Alberto Vaquero, Sara Fernández, Luís Espada e Victor Martínez, nun estudo publicado polo Foro Económico da Galiza en 2020, sinalaban que a emigración de 2.000 mulleres menores de 29 anos implica 1.500 nacementos menos na Galiza, ao ser a taxa de fecundidade galega recoñecida polo IGE de 1,12. Tendo en conta, que entre 2009 e 2021 marcharon da Galiza 48.375 mulleres menores de 29 anos, como consecuencia da emigración xuvenil deixaron de nacer 36.281 persoas.

O economista Joam Romero destaca que “de non se ter producido este nivel de emigración no período 2009-2020 e manténdose o nivel inmigratorio, a poboación galega tería alcanzado en 2020 os 3.049.644 habitantes".