36% das galegas e galegos vivimos en menos de 1% do territorio da Galiza

Case un millón de habitantes da Galiza viven en 219 km cadrados mentres o outro millón oitocentos mil faino no 99% restante. Isto provoca importantes fendas na densidade de poboación, que vai da media de 32 habitantes por quilómetro cadrado no rural até máis de 4.000 nalgún punto das cidades.

As galegas e galegos somos cada vez menos e cada vez estamos máis amoreados. Como un enxame. Os dados do Instituto galego de estatística correspondentes ao grao de urbanización do noso país indican que perto dun millón de galegos viven nas denominadas ZDP, Zonas densamente poboadas, as cidades. Son, en concreto, 971.271 persoas, 35,2% da poboación, e viven nunha superficie que representa apenas 0,7% do territorio galego: 219 quilómetros cadrados.

A densidade de poboación media é de 32 habitantes por quilómetro cadrado no rural mentres que nas zonas densamente poboadas sitúase por riba dos 4.000

Outro terzo da poboación, 892.367 persoas (32,3% do total do país), residen nas denominadas ZPP, zonas pouco poboadas, as áreas rurais, que se estenden por unha superficie de 27.716 quilómetros, o que vén sendo 93,7% do territorio do noso país. Estamos, pois, ante unha diferenza moi grande. A densidade de poboación media neste caso é de 32 habitantes por quilómetro cadrado mentres que no caso anterior, as zonas densamente poboadas, anda por riba dos 4.000.

Hai unha franxa intermedia, as coñecidas por ZIP e que se refiren a vilas e arredores. Nelas, que supoñen 1.635 quilómetros (5,5% do territorio de Galiza), viven 896.000 galegos, o outro terzo da poboación do país.

Galiza camiña a pasos de xigante para ser un país con menos poboación e esta máis avellentada. As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) e publicadas nestes días sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

Así pois, cada vez menos habitantes, máis avellentados e vivindo a gran maioría nunha pequena parte do territorio, ficando gran parte del deshabitado ou minimamente poboado.