18.700 persoas non acudiron ao odontólogo en toda a súa vida

359.800 galegos e galegas non poden pagar dentista

Un doente nunha clínica de saúde bucal canda o seu odontólogo. (Foto: Europa Press).

A maioría dos tratamentos precisos para unha axeitada saúde bucodental non están cubertos polo sistema sanitario público. En palabras do economista Albino Prada, "a non cobertura pública explica en boa medida que para a clase baixa os seus atributos de calidade bucodental sexan peores que para a clase alta".

 

O economista e especialista en políticas de saúde Viçent Navarro sinala que "a dentadura é o espello da clase social á que se pertence". Nese sentido, apunta que "o número de caries e dentes ausentes no Estado español entre os nenos da clase traballadora non cualificada sexa sete veces superior, por exemplo, ao número de caries e dentes ausentes das familias burguesas ou pequeno burguesas".

Navarro destaca que "as clases sociais máis desfavorecidas presentan maiores niveis de caries e necesidades de tratamento periodontal e menores índices de restauración. As persoas cun menor nivel socioeconómico perciben un peor acceso aos servizos odontolóxicos e utilízanos máis frecuentemente ante problemas agudos que de forma preventiva" e responsabiliza disto a que "a prestación de servizos dentais no Estado español é fundamentalmente privada, ademais con tendencia crecente".

OMS

A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que "unha porcentaxe elevada das enfermidades orais e dentais na Unión Europea está determinada polas desigualdades socioeconómicas entre os Estados membro e, en cada un destes, entre homes e mulleres, así como por grupos sociais en función dos seus ingresos, educación, ocupación, idade e lugar de residencia das persoas afectadas e pola falta de acceso a unha atención sanitaria oral integral".

A saúde dental é unha boa radiografía da situación económica dunha sociedade. Neste sentido, resulta preocupante a panorámica recollida na Enquisa Europea de Saúde 2020, o estudo de referencia nesta materia elaborado pola Comisión Europea cada seis anos, que ofrece unha visión do estado bucodental dos galegos e galegas moi problemática.

A Enquisa Europea de Saúde destaca que en 2020 402.500 residentes na Galiza padecían caries, 1.788.000 extraeran pezas dentais ao longo da súa vida, 1.622.000 tiñan algún dente ou moa empastado, 360.000 sangraban polas enxivas ao pasar o cepillo, 130.900 contaban cunha peza que se lles movía e 1.313.400 carecían de dentes ou moas que non foran substituídas.

A falla de recursos económicos

A falla de recursos económicos para sufragar os servizos de odontoloxía está detrás desa situación. Segundo reflicten os datos da Enquisa Europea de Saúde 2020, nesa anualidade 359.800 galegos e galegas non puideron acudir ao dentista por carecer de medios económicos para facer fronte ao pago das prestacións sanitarias que precisaba.

A fenda económica déixase notar, segundo o estudo, na frecuencia da asistencia ao dentista. Así, a Enquisa Europea de Saúde 2020 indicaba que 284.400 residentes na Galiza acudiran á consulta do odontólogo nos últimos tres meses e 922.900 no último ano. Porén, 1.134.400 galegos e galegas afirmaban non ter recibido asistencia dental no último ano e 18.700 non ter acudido ao dentista en toda a súa vida.