Laracha: 35.000 toneladas de rodas usadas á espera dunha solución que non chega

O maior vertedoiro de rodas usadas existente en Galiza está en Lendo (Laracha), nas instalacións de Cerámica Campo. BNG denuncia que, meses despois, a promesa da administración de eliminar este punto continúan sen se cumprir.

En Lendo, Laracha, amoréanse 35.000 toneladas de rodas usadas, o que fai deste punto o maior vertedoiro de pneumáticos de Galiza. Perante os riscos que isto representa, desde a administración prometían a comezos do pasado mes de abril comezar a valorización das rodas e o tratamento desas 35.000 toneladas. A finalidade, eliminar este vertedeiro. Un anunciou feito pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático achegándose a este punto.

 

Pasan os meses e, como denuncia o BNG de Laracha, “deste anuncio a realidade é que alí continúan as rodas e non se ten visto durante este tempo ningún movemento de retirada das mesmas”. Para os nacionalistas estamos, “máis unha vez”, perante un caso no que “a propaganda vai moi por diante da realidade”.

 

Desde o BNG lembran que a propia administración recoñecía naquela altura que só 26% das rodas poderían ser recicladas, sendo o destino do resto a súa incineración en Sogama, debido ao seu estado despois de tantos anos á intemperie”.