35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras

O xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, escolleu como finalistas na categoría de Youtubeira a Olanxonmario, Neeumatiko e Cousxs. Os dous primeiros tamén aspiran a levar a galardón de Canle, xunto a O Son das ideas.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para as súas doce categorías. En total, 35 propostas disputaranse os galardóns desta quinta edición e as persoas gañadoras daranse a coñecer o próximo 26 de novembro. Ese día, ás 20 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras, que presentará o grupo Tanxugueiras.

Desta quinta edición, a organización destaca dous trazos fundamentais comúns dos vídeos e canles participantes nesta edición: un “notábel aumento na calidade técnica e de contidos” e “unha importante ampliación das temáticas tratadas”.

Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha “comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación”. Explicouno así Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, na conferencia de prensa para presentar a gala e anunciar a relación de finalistas, na que tamén participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, e o grupo Tanxugueiras.

O xurado, constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsábel do #DígochoEu da Televisión de Galiza, reuniuse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalista en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polos/as internautas nas redes sociais de Youtubeiras.

As deliberacións do xurado determinaron que Olaxonmario, Neeumatiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira/o/e 2021. Os dous primeiros, ademais, aspiran xunto a O Son das Ideas a facerse co galardón á canle.

Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese whit Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua.

Estes tres galardóns contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500. Para o Premio do Público, os finalistas son: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego; Amemos o noso,de Xabi Gómez, e El cuarteto de IBAI” - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA),Feat. Dani Piñeiro de Fica coa Bola.

As propostas que acaparan o maior número de finalistas son as seguintes: Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade). O mesmo número de galardóns aos opta Neeumatiko (canle, youtubeire, calidade lingüística, impacto e didáctico) e tamén Cousxs (youtubeira, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).