As consultas telefónicas aumentan a marxe de risco do doente

31,2% dos erros con doentes en Atención Primaria débense ao pouco tempo das consultas

Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)

A falla de comunicación entre os doentes e os médicos está detrás de 31,4% dos eventos adversos que se producen en Atención Primaria. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), enténdese por evento adverso aquel “incidente que produce dano ao doente describindo a gravidade do dano como sen dano, leve, moderado e grave”. Precisamente, este tipo de problemas son os máis evitábeis en opinión dos expertos.

Un artigo titulado “Prevalencia, gravedad, evitabilidad y factores contribuyentes de incidentes de seguridad en centros docentes de Atención Primaria” ven de pór negro sobre branco esta realidade. O traballo é resultado dunha sondaxe entre 70 profesionais de 32 centros de saúde que atenderon a máis de 2.000 doentes e está asinado polos sanitarios Clara González, Victoria Martín, Fernando Lago, María José Fernández, Margarita Pérez, Luis Ramil, Antonio Rial e Ana Clavería.

A investigación sinala que “a maioría dos factores contribuíntes dos incidentes de seguridade están relacionadas coa comunicación e son mencionados como causas de incidentes de seguridade en varios estudos. Nos eventos adversos chegan a ser o 31,4%, sendo a comunicación médico-doente a causa principal. A comunicación inflúe na aparición dos incidentes de seguridade e no seu posterior manexo”.

“Tanto a duración da consulta como o estilo de traballo dos profesionais repercuten na comunicación”, continúa o relatorio, quen advirte que “ademais nos últimos anos, xurdiron novas situacións clínicas, como a aparición da Covid 19, que alertan sobre a importancia que no futuro poden ter para a comunicación médico-doente determinados escenarios como unha pandemia ou catástrofe, ou os retos expostos pola medicina de precisión ou a ciber-medicina”.

Un factor de risco para os doentes

Os riscos para a saúde dos doentes derivados da falla de tempo nas consultas teñen sido advertidos desde hai anos polos profesionais. A este respecto, o médico de Atención Primaria e voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, explica a Nós Diario que “vimos denunciando desde hai anos que a ausencia de tempo na consulta polo elevado número de cartillas que temos asociadas é un dos principais problemas para atender aos doentes”.

Unha consulta de menos de 10 minutos é un perigo para o doente”, continúa Martín, quen destaca que “é un problema para os propios médicos á hora de acertar pero sobre todo é un problema para os propios doentes”. “Unha consulta por baixo do limiar de 10 minutos non permite facer o que cómpre facer a un doente, é unha consulta de baixa calidade e remata por converterse nun problema para os médicos e os doentes”, destaca Martín.

A falla de tempo dos médicos de familia para atender aos doentes é consecuencia dos retallos aplicados na sanidade pública nos últimos anos. Neste sentido, Martín lembra que “as xubilacións do persoal non foron cubertas en aplicación do recollido na taxa de reposición e isto levou a un aumento exponencial do número de doentes por cada médico. A cousa non parou de empeorar na última década e o persoal non pode máis”.

Os riscos da atención non presencial

As restricións á atención presencial aplicadas como consecuencia do coronavirus téñense convertido nun novo factor de risco para os doentes. “Ao primar os responsábeis sanitarios a atención telefónica non só enfrontamos un problema de falla de comunicación”, afirma Martín, “senón que ademais do pouco tempo perdemos contacto cos doentes, unha cuestión chave para facer un diagnóstico axeitado”.

A consulta telefónica ou telemática aumentou as nosas dúbidas porque no traballo do médico de familia non só é chave a comunicación co doente, tamén é central apalpar e sen a presenza física do doente iso non é posíbel”, destaca Martín, quen considera que “sen ter ao doente diante é moito máis doado meter a pata”.