309 novos casos da Covid-19 nun día de aumento da presión hospitalaria

Un equipo das Urxencias Sanitarias da Galiza traslada en ambulancia unha persoa infectada polo novo coronavirus (M. Dylan / Europa Press).

O número de novos positivos por coronavirus detectados na Galiza diminuíu en case un centenar, até os 309, nunha xornada na que con todo os pacientes covid ingresados en unidades de coidados intensivos (UCI) sufriron un aumento por segundo día consecutivo e sitúanse en 54.

A pesar do aumento na UCI, con tres persoas máis que un día atrás, a cifra total de pacientes hospitalizados na Galiza descendeu considerabelmente até os 319 -18 menos que hai un día-, tendo en conta que baixaron en 21 os que se atopan en planta, que son 265.

De acordo con coa actualización publicada esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con datos recollidos até as 18 horas da quinta feira, a área sanitaria da Coruña-Cee volve ser a de maior presión hospitalaria, cun total de 74 pacientes, aínda que hai un menos que a xornada previa. No entanto, soben a 18 -un máis- os pacientes covid en UCI.

Tras a coruñesa, está a de Santiago-Barbanza, con 70 persoas con coronavirus ingresadas, unha caída de seis, mentres que en UCI hai sete, unha máis. A terceira é a área de Vigo, cun total de 62 hospitalizados por covid -tres menos-, dos que están en críticos 12 -un máis-.

A área da Coruña-Cee é a que soporta unha maior presión hospitalaria

No caso da área de Pontevedra-O Salnés, os últimos datos de Sanidade informan dun total de 48 hospitalizados, os mesmos que o día anterior, aínda que hai un máis en coidados intensivos: nove. A seguinte con máis pacientes ingresados é a área de Ferrol, con 30 en total -dous menos- e un en UCI -un menos-.

Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras experimentou nas últimas horas unha importante caída da presión hospitalaria con 22 ingresados -nove menos que un día atrás-, aínda que na UCI seguen catro persoas. Finalmente, na de Lugo-A Mariña-Monforte continúan 13 hospitalizados, dos que tres están en críticos -sen variacións-.

Baixan os casos positivos diarios

En canto á detección de casos, a Galiza sumou 309 novos positivos por coronavirus nun día, 85 menos que nas 24 horas previas. Iso si, as PCR realizadas foron 9.972, é dicir 641 menos a respecto da xornada anterior.

Os datos de Sanidade desta sexta feira sitúan a Coruña-Cee como a área sanitaria que reporta máis contaxios, con 64, tras un repunte de 23 sobre os notificados o día anterior. Séguea de perto Santiago-Barbanza con 63 infeccións, un descenso de 40.

A área sanitaria de Vigo suma 52 novos positivos ao notificar unha caída de 59. Tamén anotan descensos as áreas de Pontevedra-O Salnés, con 49 contaxios (-4), e Lugo-A Mariña-Monforte, con 23 (-11).

Pola súa banda, subiron os casos detectados en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 38 (+4), e en Ferrol, con 20 (+2).

Taxa de positividade

Así mesmo, a web de Sanidade recolle que até a data na Galiza leváronse a cabo 1.082.674 PCR. A taxa de positividade sitúase en 3,1%, unha baixada de case un punto que supón seguir por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

En canto aos casos activos -persoas que seguen diagnosticadas de covid-19-, a Galiza continúa á alza cun total de 5.754, 99 máis que 24 horas antes, ao superar os novos contaxios as altas.

Todas as áreas sanitarias rexistraron un aumento dos pacientes de coronavirus. En concreto, a de Santiago mantense como a área con máis pacientes, con 1.323 en total (+2); mentres que Vigo sitúase en 1.279 (+14).

O resto, a pesar do repunte, seguen por baixo do milleiro. Nas últimas 24 horas, os casos activos da área sanitaria de Pontevedra situáronse en 922 (+18), os da Coruña en 899 (+21) e os de Ourense en 551 (+29). Mentres tanto, na de Ferrol este venres hai 398 pacientes de Covid (+3) e na de Lugo, 382 (+12).

O número de persoas falecidas coa Covid-19 sitúase en 1.359

Desde o principio da pandemia diagnosticáronse 60.765 persoas coa Covid, das que 53.662 superaron a enfermidade, 271 nas últimas 24 horas.

Doutra banda, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia continúan en aumento e ascenden a 1.359 tras falecer outras cinco persoas nas últimas horas, unha delas relacionada con residencias de maiores.