3.000 persoas protestan en 19 localidades galegas contra o espolio eólico

Concentración en Forcarei contra o modelo eólico da Xunta da Galiza. (Foto Eólica Así Non).

19 localidades galegas acolleron na mañá de hoxe, outros tantos actos de protesta contra a política da Xunta da Galiza. Os máis de 200 colectivos organizadores da protesta, expresaron a súa satisfacción pola elevada a participación nos mesmos.

As mobilizacións convocadas na mañá de hoxe por Eólica Así Non cumpriron coas expectativas dos colectivos promotores. Segundo sinalou a Nós Diario, unha das integrantes da coordinadora da plataforma impulsora das protestas, Belén Rodríguez, “como xa acontecera hai un ano, no Día das Montañas de 2021, a resposta da sociedade galega volveu ser contundente contra a invasión eólica”.

3.000 manifestantes en 19 localidades

As protestas xuntaron máis de 3.000 persoas en 19 localidades galegas. A este respecto, Rodríguez alertou que “que actualmente se atopan en tramitación en terra e mar 300 proxectos eólicos e que se sumarían aos preto de 190 parques eólicos autorizados ou en funcionamento”

Rodríguez entende que o actual modelo de desenvolvemento eólico “estaría pondo en risco o equilibrio ecolóxico do noso territorio, así como o fornecemento dos servizos ecosistémicos e comúns que proceden dos ecosistemas montañosos”.

A integrante da coordinadora de Eólica Así Non advirte que “modelo que están a promover, acelerar e impor os Gobernos de Rueda e Sánchez segue perpetuando o papel de Galiza como territorio de sacrificio no Estado e en Europa, en favor das grandes metrópoles hiperdemandantes de enerxía ou doutros países da UE, á custa de espoliar os nosos recursos”.

Belén Rodríguez cualifica o modelo eólico de “colonizador que non responde ás necesidades do interese xeral, senón do interese lucrativo e especulador das grandes multinacionais da enerxía, e que invade o noso espazo vital, co único obxectivo de espoliarnos e mandar para fóra a enerxía eléctrica”.

18 protestas en toda Galiza

As protestas concentráronse naquelas comarcas  máis afectadas polas novas instalacións de complexos eólicos. Así, desenvolvéronse 18 concentracións de xeito simultáneo na Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Antas de Ulla, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra, Forcarei e Xinzo de Limia. Na Costa da Morte e no Courel están aínda por confirmar.

Aliás, boa parte desas mobilizacións completarronse con andainas e subas aos cumios das montañas "afectadas pola invasión eólica" en concellos como Foz, Antas de Ulla, Moeche, Mondoñedo, Becerreá, Lugo ou Forcarei.

Forcarei foi, precisamente, unha das localidade que acolleu unha manifestación. A marcha contou coa presenza de veciñanza de Tabeirós, Terra de Montes, Cotobade, Campo Lameiro e a Serra do Suído.

Os promotores sinalaron no manifesto lido ao final da marcha que os concellos desas comarcas  “están a sufrir especialmente a vaga de proxectos eólicos con preto de medio cento de proxectos de parques e liñas de alta tensión en diferentes estados de tramitación, como Monte Festeiros, As Penizas, Campo das Rosas, Dos Cotos ou Paraño Oeste”

Apoio do BNG

As mobilizacións contra a política eólica da Xunta da Galiza contaron co apoio do BNG. Neste sentido, a deputada nacionalista, Noa Presas, que participou na concentración de Xinzo da Limia  sinalou que “urxe un cambio das políticas enerxéticas a favor dos espazos naturais e da cidadanía”.

Presas afirmou que “nós xeramos electricidade e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre todos os galegos e galegas" e cualificou "apropelo aos cidadáns o modelo impulsado polas grandes empresas eléctricas que coa conivencia da Xunta e o Goberno do Estado”

A deputada nacionalista criticou aos Gobernos galego e estatal porque “"contribúen ao enriquecemento do lobby eléctrico"