"Non se pode gobernar contra o ben común": 300 especialistas denuncian a "desregulación territorial" que mantén a Xunta
Máis de 300 profesionais independentes de até 20 disciplinas como a arquitectura, o urbanismo, a arte, a xeografía, a bioloxía ou distintas enxeñarías subscriben un 'Manifesto en defensa do territorio' que se presentará o sábado no Leboreiro (Melide, Terra de Melide), zona afectada pola macrocelulosa proxectada por Altri con epicentro en Palas de Rei (A Ulloa). Esta cuarta feira, na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), en Compostela, a xeógrafa María Xosé Piñeira, a arquitecta e veciña da Ulloa Alba López e o doutor arquitecto Xosé Allegue denunciaron que o territorio galego está a padecer “permanentes agresións” pola “desregularización” e a "falta dun modelo territorial" por parte da Xunta da Galiza.
As máis de 300 asinantes deste manifesto teñen "toda a lexitimidade, o coñecemento e as propostas” para advertir das “ameazas de múltiples agresións ao territorio” que din que están a axexar Galiza nos últimos lustros, segundo Allegue. “Non se pode gobernar contra o ben común, é preciso un novo modelo de ordenación do territorio”, asegurou, e en declaracións a Nós Diario explicou que a Xunta "nunca" os consultou ao respecto, tras o cal ofreceu “todo o coñecemento e a experiencia" ao presidente Alfonso Rueda para impedir “un modelo territorial espoliador e extractivista que xa se está a estender por todo o país”.
"Basta de identificar o progreso coa destrución do territorio", dixo Allegue, quen defendeu que esta alarma de persoal técnico e científico responde ás políticas que nos últimos anos está a levar a cabo a Xunta, cunha “concepción economicista” do urbanismo e do territorio que está a provocar unha “desregulación”.
A arquitecta Alba López referiuse en concreto ao caso de Altri como unha das grandes "amenazas". Advertiu de que, "ademais da lexislación e da conciencia que teñen que ter os técnicos ao aplicar as leis, tamén é importante que a Administración conte coa xente que vive no territorio". Por iso, avanzou que o encontro das máis de 300 profesionais asinantes no Leboreiro o sábado será “o primeiro de moitos”, porque están "totalmente decididas" a facer que a Administración "repense o que vai facer co territorio".
A xeógrafa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Xosé Piñeira explicou que as preocupacións destes profesionais “veñen de lonxe” e demandou "un compromiso político cos territorios, independentemente de quen goberne”. Apostou por “planificar e facelo tendo en conta unha visión integral do territorio, cohesionada, cuns fíos condutores e un escenario de futuro”.
As leis do litoral e de recursos naturais
Entre as preocupacións destes e destas profesionais están a aplicación de dúas leis recentemente aprobadas polo Goberno galego: a Lei do litoral e mais a dos recursos naturais da Galiza. O arquitecto Xosé Allegue, coñecedor de ambos os textos, sinalou no caso da Lei do litoral “a súa aplicación será dramática”, ao considerala “unha barbaridade lexitimada por lei”. A modo de exemplo, afirmou que o texto aprobado “facilita que na primeira liña de costa calquera vivenda sexa reconvertida en vivenda turística”, o que suporía un “modelo Benidorm” no litoral galego.
No caso da Lei de recursos naturais, aprobada tamén no Parlamento galego nesta lexislatura, Allegue asegura que vai provocar a súa aplicación “un dano irreversíbel”. Destaca que na Galiza a finais de 2024 había “máis de 600 vertedoiros industriais” que agora esta nova lei permitirá instalar “en solo rústico”. Ao noso país, alertou, “chegan 400 toneladas diarias de residuos de fóra”.
As profesionais que asinan este manifesto en defensa do territorio –máis de 320 polo de agora– estenden o “problema” actual a “todo o territorio galego” e auguran, "coa concepción economicista e a desregulación territorial que aplica a Xunta da Galiza nas súas políticas", que “todo vai encamiñado a favorecer a depredación e o espolio”. Para Allegue, coa aplicación desta lexislación “nos vindeiros anos teremos un bombardeo de minaría, parques eólicos, vertedoiros, industrias contaminantes e intervencións na costa”.
Petición de amparo ante a Defensora do Pobo Europeo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou esta cuarta feira á Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho, o “continuo boicot” na Comisión de Peticións da Eurocámara para “impedir que se trate a denuncia da plataforma Ulloa Viva contra a instalación da macrocelulosa de Altri na Galiza”, así como as “dificultades impostas pola Comisión Europea” para acceder á documentación sobre temas como a autoestrada AP-9, a celulosa de Ence en Pontevedra ou os proxectos mineiros en fase de tramitación no país. “Esa denuncia está sendo boicoteada sistematicamente polo PP e os grupos de extrema dereita”, criticou a eurodeputada galega, quen considera que se está a “vulnerar o dereito de acceso ás peticións e ás denuncias da cidadanía galega”.
Acto en Melide: Un encontro nacional "en defensa do territorio"
O sábado as persoas asinantes deste manifesto están convocadas ao Encontro de profesionais pola defensa do territorio. O evento comezará no albergue de peregrinos da Casanova, na parroquia do Mato (Palas de Rei, A Ulloa), e desde alí percorrerán camiñando 3,5 quilómetros até O Leboreiro (Melide, Terra de Melide), unha das chamadas “zona cero” do proxecto da macrocelulosa de Altri, a 1,5 quilómetros do punto onde pretende instalarse a factoría. As asistentes terán un xantar fraternal logo do cal, nun acto conducido por Quico Cadaval, procederán á lectura do texto acordado.
Entre as asinantes, segundo indicaron esta cuarta feira en rolda de prensa, 36,4% son arquitectos e arquitectas –o colectivo máis numeroso–, ás que se suman ensinantes –universitarias e non universitarias– de todo o país, biólogas e profesionais de diferentes especialidades das tres universidades da Galiza. Desde a organización, Xosé Allegue sinala a Nós Diario que, malia que remitiron o mesmo documento a todas as titulacións e escolas técnicas, “é curioso que no caso de Enxeñaría Forestal hai cero asinantes”. Allegue atribúe este caso ao feito de que "a pasteira de Ence financia unha cátedra na Escola de Forestais de Pontevedra e ten silenciada esa Facultade".