300 estafad@s toman a Deputación de Pontevedra para exixir perante Louzán a devolución dos aforros

[Imaxe: Vigo al Minuto]

Quedaron pechados nas instalacións do edificio público após asistiren a un pleno extraordinario onde o presidente provincial recibía alcaldesas e alcaldes dos concellos afectados. "O PP di que xa fixo todo o que podía facer por nós, e a nós parécenos unha burla"


Estaba prevista a realización dun pleno extraordinario onde o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PPdG) recibiría as alcaldesas e alcaldes dos concellos afectados pola estafa das preferentes e subordinadas, mais @s estafadas tamén quixeron estar presentes e exixirlle, na súa cara, que lles sexan devoltos todos os cartos que lles fican retidos.

Integrantes de oito plataformas, en total máis de 300 persoas, entraron no edificio para quedar. "O resultado do pleno non nos convenceu e decidimos quedar aquí pechados", conta Xulio Vicente, voceiro do colectivo de afectad@s do Baixo Miño. Decidírono ás 11 da mañá, hora desde a que fican dentro porque "o PP di que xa fixo todo o que podía facer por nós, que xa hai moitos que recuperaron os seus cartos e que agora nos queda a vía xudicial. E a nós isto parécenos unha burla", atalla Vicente. 

Cansad@s de agardar na rúa por unha solución que non chega, o seu xa característico son de tambores e bucinas resoou nas pedras do edificio da deputación pontevedresa, onde exixiron un maior compromiso do goberno para que presione a Bruxelas e evitar así a quita que lles faría perder o 50% dos seus aforros. "Até os que aceptaron o canxe, que supón despedirse de entre o 25 e o 70% dos cartos, están indignados porque non se produciu aínda ingreso ningún nas súas contas", subliña Xulio Vicente. 

Após unha mañá de protestos arrincaron de Louzán un tibio compromiso: a oposición á quita "e que se lle devolva o seu diñeiro non en participacións senón en diñeiro". De momento, pola vía da arbitraxe unicamente recuperaron os seus cartos o 25% das máis de 70.000 persoas estafadas por Novagalicia Banco.